Actriz, actor – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Actriz, actor

Categoría:

Persoa que se dedica á arte da interpretación.

A actriz ou o actor imita accións valéndose do seu corpo e a súa voz, así coma doutros recursos de carácter intelectual e emocional co fin de construír un personaxe ou de elaborar en escena as accións que correspondan ao proxecto escénico en que se inscribe.

Chamado hypokrités na Antiga Grecia, o primeiro actor coñecido é Tespis, que poría en marcha a teatralidade ao introducir nas súas representacións de ditirambos o diálogo co coro. Naquela época, era a declamación o factor esencial que determinaba a arte interpretativa, tendo en conta, ademais, que o xesto e o movemento estaban limitados por elementos de indumentaria coma a máscara, os coturnos e as amplas túnicas. Sobre todo no xénero tráxico, e aínda que en menor medida nas distintas modalidades da comedia, o valor interpretativo esencial ata o século XVIII seguiría sendo a declamación, á excepción de tradicións específicas nas que actrices e actores desenvolverían outras destrezas máis físicas vencelladas á acrobacia e á danza (Commedia dell’Arte), así coma á mímese de emocións máis realista malia as limitacións neste sentido que impuña o recitado do verso (teatro isabelino e teatro español do Século de Ouro).

Será Denis Diderot, mediante a súa actualización do concepto de mímese aristotélica e a súa revisión da noción de identificación segundo os diferentes xéneros teatrais, quen demande a dimensión interpretativa da arte actoral, procurando unha mímese máis realista que permita que o público empatice coas emocións en escena. Na súa obra O paradoxo sobre o actor, Diderot reclamará unha maior credibilidade na actuación e estabelecerá as bases da mímese actoral a través dese concepto de “paradoxo” que, en definitiva, remite á realidade paradoxal do teatro pola cal debe parecer real o que, en realidade, é ficción, de xeito que a persoa da actriz ou actor debe servir como soporte para construír, paradoxalmente, algo que non é: un personaxe.

Esa idea é fundamental para o desenvolvemento da arte da interpretación posteriormente, ata que os teóricos do século XX elaboran novas teorías que afondan, ben na interpretación de corte realista (Konstantin Stanislavski, a través de conceptos coma “memoria afectiva” ou “subtexto”, e as derivacións posteriores do Método), ben nunha arte actoral en que a acción se observa esteticamente e é fin en si mesma (Edward Gordon Craig, mediante o seu concepto de “supermonicreque”, ou Vsevolod Meyerhold, coa súa biomecánica) ou nunha interpretación posta ao servizo da dimensión épica e política do teatro (Bertold Brecht e o seu concepto de “gestus”).

Relacionado con