Teatralidade – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Teatralidade

Categoría:

Propiedade esencial do teatro. É o especificamente teatral, aquilo que outorga a condición de teatral ou escénico e que está necesariamente presente nas artes escénicas pero pode aparecer eventualmente noutras manifestacións humanas outorgándolles así a condición de teatral.

Os factores que determinan a teatralidade son tres e deben comparecer conxuntamente para outorgaren a condición de escénico: a iconicidade do signo, a multiplicidade de signos e a comunicación copresencial. Segundo a iconicidade, do signo teatral refírese a unha entidade do mundo real cuxo significado se constrúe en virtude dunha relación de semellanza. Segundo a multiplicidade, toda manifestación teatral se constitúe desde a exhibición simultánea dunha pluralidade de signos de natureza audiovisual. Segundo a copresencialidade, toda manifestación teatral ou escénica responde a un modelo comunicativo no que todos os axentes que interveñen na comunicación comparten tempo e espazo (hic et nunc) e no que, por tanto, a emisión, a construción da mensaxe e mais a recepción son simultáneas.

Como propiedade especificamente escénica, cómpre distinguila da dramaticidade.

 

Para saber máis: Cornago, Óscar (2005) “¿Que es la teatralidad? Paradigmas estéticos de la Modernidad”, en Telón de fondo. Revista de teoría y crítica teatral 1, en liña (http://www.telondefondo.org/numeros-anteriores/numero1/articulo/2/que-es-la-teatralidad-paradigmas-esteticos-de-la-modernidad.html cons. 28/12/2016); Pavis, Patrice (1984) “Teatralidad”, en Diccionario del teatro. Dramaturgia, estética, semiología, Barcelona, Paidós, páx. 468-471; Vieites, Manuel F. (2004) “A expresión teatral: teatralidade e elementos de significación”, en O teatro, Vigo, Galaxia, páxs. 73-100.

Relacionado con