Fatalidade de custos, Lei de – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Fatalidade de custos, Lei de

Categoría:

Norma que rexe o funcionamento económico das artes escénicas, tendente ao déficit debido á lagoa de produtividade que se xera cando os gastos son constantes mentres que os ingresos tenden a diminuír. Esa tendencia obriga a que os modelos de produción nas artes escénicas deban procurar permanentemente fórmulas externas de inxección de capital.

Tamén chamada “Efecto Baumol”, a Lei de fatalidade de custos (cost disease, ou “enfermidade dos custos”) foi descrita polos economistas estaudounidenses William J. Baumol e William G. Bowen en 1966 no libro Performing arts. The economic dilemma (Artes escénicas. O dilema económico). Nel describían o paradoxo produtivo que constitúe a esencia económica das artes escénicas. Estas, ao seren realizadas en vivo nun modelo de comunicación copresencial, requiren un investimento que, ao repetirse cada vez que se realiza o espectáculo, é constante ou aumenta ao longo do tempo de exhibición, mentres que os ingresos tenden a diminuír ao ir esgotando o número de espectadores que poden velo (fatalidade). Baumol e Bowen propoñen que as artes escénicas contradín por isto a economía clásica, na que o aumento de investimento en salarios debería ir sempre acompañado dun aumento da produtividade por parte dos traballadores, cousa que non acontece nas artes escénicas. Este paradoxo produtivo das artes escénicas débese a que a súa fórmula produtiva non é industrial, senón artesanal, dando como resultado un produto que é efémero e que se consume ao mesmo tempo que se realiza; a propia feitura das artes escénicas implica, por isto, a imposibilidade de multiplicar o produto como si lograron as industrias culturais (editorial, cinematográfica ou discográfica). As empresas teatrais, pola contra, igual ca outros servizos públicos nos que é imposíbel repercutir sobre o consumidor os custos de realización, precisan por iso acompañarse de fórmulas de subvención e patrocinio, así como de procesos de promoción do consumo que incidan na mellora da relación custo-beneficio tanto a nivel individual coma a nivel social.

 

Relacionado con