Espectáculo – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Espectáculo

Categoría:

Forma de exhibición que, na súa modalidade artística, dá lugar aos distintos tipos de artes escénicas ou da representación: teatro, danza, ópera, circo, etc. Tamén son espectáculos, pero non artes escénicas, as actividades que implican a copresenza dun público que observa unha acción exhibida (deportes, ritos, accións colectivas, etc.).

Derivado do verbo latino “spectare” (observar), o espectáculo é, nun sentido amplo, todo aquilo que pode ser contemplado. Na súa etimoloxía, por tanto, o termo conleva tanto a exhibición coma a necesidade de que exista un destinatario que observa, o cal conduce a determinar que en todo espectáculo se dá unha comunicación copresencial entre aqueles que emiten o obxecto exhibido e mais aqueles que o reciben, comunicación que fai que todo espectáculo sexa unha manifestación artística efémera. Agora ben, entre os espectáculos artísticos, hainos baseados no simulacro ou representación (teatro, ópera), e hainos que teñen por obxectivo a pura presentación escénica, sen pretensións ficcionais (circo, maxia). Ademais, en todo espectáculo dáse a delimitación dun espazo de exhibición caracterizado como artístico (espazo escénico) e unha área desde a que se observa o que acontece nese espazo, sendo a miúdo característica dos distintos tipos de espectáculo unha determinada disposición escena-público (o circo e a súa tendencia á circularidade, por exemplo, ou a maxia e a súa tendencia á proximidade). Asemade, o tempo da exhibición está tamén delimitado como tal e é vivenciado polos espectadores coma un tempo á marxe do mundo real.

O espectáculo como obxecto constrúese a través dun discurso elaborado mediante signos múltiples e simultáneos, todos de natureza audiovisual e dotados dunha intencionalidade estética desde a emisión que os fai seren interpretados como icónicos, condición semiótica que estabelece entre escena e realidade unha clara fronteira que determina o pacto escénico. No marco da Escola de Praga, e tendo isto en conta, o semiólogo Jirí Veltrusky estabeleceu no ano 1942 uns principios fundamentais que caracterizan todo signo escénico no marco dun espectáculo calquera: o principio de artificialización, o principio de mobilidade e o principio de funcionamento connotativo. Desde eles, a posta en escena organizaría unha semiose fundamentada en boa medida na ostensión e na iconización de códigos preexistentes.

Como ten sinalado Tadeusz Kowzan, en todo espectáculo dáse unha posta en escena que implica a construción do discurso sígnico desde os parámetros artísticos propios de cada un dos xéneros escénicos, onde as posíbeis tipoloxías deberán combinar criterios coma a presenza ou non dunha fábula, ou a priorización dun tipo sígnico sobre outros na conformación da semiose.

Aínda que Aristóteles, na súa Poética, considera o espectáculo como unha das seis partes da traxedia, posteriormente foi minusvalorado fronte ao texto dramático, considerado unha forma artística máis intelectual e perfecta (textocentrismo). O propio Aristóteles dá ao espectáculo unha consideración puramente mediática que servía para canalizar a verdadeira consideración artística do teatro que radicaba, para el, na organización da acción e do argumento. É esta valoración do proceso dramatúrxico o que permitiu que a recepción posterior da obra aristotélica considerase o espectáculo como algo accesorio fronte ao drama, e só no século XX, co auxe da dirección de escena e a importancia dos directores na renovación da teoría, recuperouse a dignificación do espectáculo como arte autónoma (escenocentrismo).

 

Relacionado con