Espazo escénico – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Espazo escénico

Categoría:

Área ou lugar onde acontece a acción representada e que xera todos os significados espaciais necesarios para localizar a fábula.

O espazo escénico é o que está organizado para xerar ficción e que está separado física ou simbolicamente da área na que se sitúa o espectador. Esa simbolización dun espazo sobre o que recae o acordo de lle outorgar a condición de ámbito para a ficción espacial é o punto de partida da convención escénica.

Segundo Patrice Pavis, o espazo escénico, como todo signo da posta en escena, ten un significante e un significado. O primeiro é o lugar concreto onde se sitúa a posta en escena e mais todos os signos da escenografía destinados a concretalo, matizalo ou especificalo; o seu significado é a suxestión semántica que implica a súa combinación cos demais signos da posta en escena e que deberá ser entendida no marco do argumento. O espazo, neste sentido, responde de xeito moi evidente á condición paradoxal do teatro, xa que amosa física e concretamente algo que, en realidade, sabemos que é ficción.

García Barrientos distingue entre espazo escénico, diexético e dramático. Para el, o primeiro é o espazo real da posta en escena, o lugar que, dependendo dunha serie de convencións escenográficas, acollerá e logrará significar os distintos espazos ficcionais da fábula ou espazo diexético, que logo o espazo dramático organizará en virtude das posibilidades expresivas que permitan estabelecer unha relación entre espazo escénico como soporte do espazo diexético (de aí que fale de espazos dramáticos únicos, múltiples ou simultáneos). A caracterización do espazo escénico desde un punto de vista estético para lograr expresar o espazo diexético ten que ver cos distintos estilos e tendencias que a escenografía foi experimentando ao longo do tempo.

Non debe confundirse co lugar ou espazo teatral.