O proxecto – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

O proxecto

Unha das necesidades dos estudos escénicos no contexto galego é a elaboración dun vocabulario amplo, rigoroso e ambicioso referido ao teatro e a outras artes escénicas. Existen algunhas aportacións que constitúen interesantes achegas, malia parciais, que consideramos un punto de partida necesario desde o que elaboramos a enciclopedia en liña que aquí propomos e que persegue o dobre obxectivo de servir como obra de referencia e mais de contribuír á normalización da lingua galega no contexto teatral, a miúdo contaminado polo recurso aos préstamos terminolóxicos derivados da inmediatez do traballo diario dos profesionais dun sector que, a día de hoxe, e a diferenza doutros colectivos, non conta cunha obra de consulta teórico-práctica como a que aquí amosamos. Con eses dous obxectivos básicos, investigador e normalizador, e sen perder de vista a referencia permanente ao sistema das artes escénicas en Galicia, o Diccionario enciclopédico de termos escénicos é unha peza informativa para o investigador ou o público en xeral e mais unha obra de consulta que se pretende útil para a utilización do léxico propio das artes escénicas atendendo ás seguintes categorías terminolóxicas principais:

Teoría

Literatura dramática

Historia

Escenografía

Pedagoxía

Dirección de escena

Dramaturxia

Interpretación

Socioloxía

Pedagoxía

 

Autoría 

O equipo redactor do Diccionario enciclopédico de termos escénicos conta con tres persoas, Inmaculada López Silva, directora do proxecto, Roberto Pascual, na redacción, e Diego Valeiras, na elaboración dos gráficos.

Inmaculada López Silva é membro da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega desde 2012 É doutora en Filoloxía pola Universidade de Santiago e diplomada polo Institut d’Études Théâtrales da Université Paris III – Sorbonne Nouvelle; ademais é crítica teatral e escritora. Traballou como investigadora na Universidade de Santiago de Compostela e foi investigadora visitante na City University of New York. Actualmente é profesora de Teoría e Historia do Teatro na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, así como profesora no Máster en Artes Escénicas da Universidade de Vigo. Alén diso, é membro dos consellos de redacción da Revista Galega de Teatro e Grial. Centrada esencialmente na análise da política e institucións teatrais e na configuración de sistemas teatrais emerxentes, publicou tamén os libros Un abrente teatral (2002), Teatro e canonización (2004) e Resistir no escenario. Unha historia institucional do teatro galego (2015). Sen esquecer a súa faceta coma experta no teatro galego contemporáneo, as súas investigacións máis recentes versan sobre as formas máis contemporáneas de teatralidade (postdrama, teatro físico, teatro-danza) e a súa influencia na conformación da identidade de colectivos emerxentes.

Roberto Pascual é Xefe de Estudos da ESAD de Galicia e Director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Licenciado en Filoloxía Galega e posgraduado en Arte Dramática pola Universidade de Santiago. Formou parte da Aula de Teatro da USC durante cinco anos. Traballou no Instituto Cervantes e na Universidade Complutense de Madrid. Forma parte dos consellos de redacción da Revista Galega de Teatro e de Madrygal. Dirixe a colección Abrente da editorial Difusora e ten publicados diversos ensaios sobre as artes escénicas en actas de distintos Congresos (UNED, Universidade Toulouse II Le-Mirail, etc.), libros e revistas como: Grial, ADE Teatro, Tempos Novos, Galicia 21 (Bangor University), Casahamlet, Lucero (University of California, Berkeley), Revista de Estudios Humanísticos (Universidad de León) etc. De máis recente publicación é Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro (Xerais, 2013). Ademais, é autor de cadernos pedagóxicos para o CDG-Teatro do Noroeste ou compañía Viravolta-Seisdedos.

Diego Valeiras é Titulado Superior en Arte Dramática na Especialidade de Escenografía pola ESAD de Galicia (2013). Ten traballado coma escenógrafo, deseñador de iluminación e indumentarista en diferentes montaxes  teatrais como por exemplo Trinta e tantos ósos (Aporía Teatro, 2014), A Tempestade (ESAD, 2012), Solveira plays Solveira (Casa das Artes,  Vigo 2011), Fahrenheit 451 (Limiar Teatro, 2010) ou Lela anda en bicicleta (Fundación Carlos Casares e SXPL, 2009). Traballou para Boneca Lareta no deseño e construción de marionetas e escenografía para o concello de Ourense (2010 e 2011). En cine traballou en dirección de arte para as películas A Esmorga (dir. Ignacio Vilar, 2014) ou El cubo de Rosa (dir. Gonzalo Caride). Ten realizado deseño gráfico para proxectos teatrais como as Xornadas Abrente, MIT Ribadavia, entre outros. Como ensaísta, publicou recentemente o traballo “Tendencias da escenografía no teatro europeo actual. Algúns camiños I e II” na Revista Galega de Teatro. Alén diso, exerce tamén como docente de plástica teatral en diversos colectivos.