Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Espectáculo

Forma de exhibición que, na súa modalidade artística, dá lugar aos distintos tipos de artes escénicas ou da representación: teatro, danza, ópera, circo, etc. Tamén son espectáculos, pero non artes escénicas, as actividades que implican a copresenza dun público que observa unha acción exhibida (deportes, ritos, accións colectivas, etc.).

Intermezzo

Na ópera e na zarzuela, composición breve ou entretemento dramático cunha duración aproximada de quince minutos entre os actos.

Madrigal

1. En teatro, é un xénero breve, normalmente improvisado e metateatral, no cal se verten consideracións sobre o propio oficio de autor ou actor.
2. Xénero musical solístico que se considera como o precedente do nacemento do dramma in musica, é dicir, a ópera barroca italiana.

Ópera chinesa

Tipoloxía escénica de gran popularidade que se practica dende a dinastía Tang, co emperador Xuangzong (712 – 755 d. C.), fundador da primeira compañía de teatro coñecida da China. Existen máis de trescentas variedades, sendo a máis coñecida a ópera chinesa de Pekín, unha das máis representativas manifestacións culturais do país.

Ópera cómica

Tipo de xénero cómico musical francés que xorde por imitación dos intermezzi italianos e no que destacou o compositor Pergolesi.

Opereta

Vid. Ópera cómica

Texto escénico

Conxunto de signos escénicos que, expresándose a través dos códigos propios da posta en escena, xeran unha unidade de sentido que se identifica coa esencia do espectáculo. O texto escénico ou espectacular, como estrutura do teatro ou da posta en escena, constrúese a través do emprego do signo escénico artellado dun xeito complexo en códigos que […]

Texto espectacular

Vid. Texto escénico