Encyclopedia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Absurdo, Teatro do

Estilo da arte escénica e da literatura dramática que rompe coa tradición do drama realista e presenta primordialmente situacións de personaxes en contextos de illamento, reflexión existencial ou (pos)liminal, con tendencia cara ao disparatado e o humor que poden ter as intervencións ou os diálogos aparentemente inconexos desta nova ficción afastada das lóxicas da realidade ou da congruencia entre a acción e o pensamento expresado.

Acción

Conxunto de acontecementos que amosados en escena, constitúen tanto as transformacións lóxicas dos personaxes, coma as actividades das figuras ou actantes diferenciadas entre si.

Acción cultural

Vid. Animación teatral

Acción física

No Método de Konstantin Stanislavski, é a unidade básica dunha técnica de ensaios baseada na representación estimulada a través da imaxinación da actividade física do personaxe.

Acción física

No Método de Konstantin Stanislavski, é a unidade básica dunha técnica de ensaios baseada na representación estimulada a través da imaxinación da actividade física do personaxe.

Acontecemento

1. Aquilo que sucede en escena ou na historia dramática organizado en unidades mínimas. 2. Vivencia teatral.

Acoutación

Vid. Didascalia

Actividade

Vid. Método

Acto de fala

Unidade básica da comunicación lingüística que implica, no propio acto do dicir, unha acción. Constitúe o principal obxecto de análise da pragmática.

Actriz, actor

Persoa que se dedica á arte da interpretación.

Administradora, Administrador

Persoa física ou xurídica que ten a responsabilidade de xestionar os recursos dun teatro, dun grupo ou dunha compañía.

Afeccionado, Teatro

Vid. Amador, Teatro

Agit-Prop, Teatro

Vid. Axitación e propaganda, Teatro de

Agón

Termo pertencente á literatura dramática grega clásica que fai referencia ao conflito verbal, á contenda ou ao debate establecido entre dous personaxes, normalmente protagonista e antagonista.

Agonal

Relativo ao agón, ou vencellado coa capacidade do diálogo dramático para expresar o conflito.

Aloxador

Termo habitualmente empregado en castelán, alojero. Vid. Curral de comedias

Alternativa, Sala

Vid. Alternativo, Teatro

Alternativo, Teatro

Modalidade escénica que abrangue un heteroxéneo abano de tendencias estéticas que teñen en común o considerárense a si mesmas opcións diferenciadas do teatro comercial, burgués ou tradicional.

Amador, Teatro

Tamén chamado teatro afeccionado ou, co termo francés amateur, é o teatro realizado de xeito non profesional por persoas que non perseguen con esta actividade un interese económico, senón beneficios diversos vinculados co lecer, a socialización, a participación cultural, o desenvolvemento artístico ou a saúde.

Anagnórise

Recoñecemento por parte do personaxe dunha obra dramática, normalmente dunha traxedia grega clásica, aínda que tamén se pode atopar nas comedias, de datos fundamentais sobre a súa identidade ou a dos seus acompañantes, do erro ou das consecuencias fatais do seu destino.

Analepse

Recurso para a manipulación do discurso tempora a través do cal se remite a un episodio anterior aos feitos amosados ou relatados.

Análise activa

No Método de Konstantin Stanislavski, técnica de ensaio baseada na aplicación á análise textual do drama dos principios teórico-literarios do formalismo ruso.

Análise cognitiva

Vid. Coñecemento afectivo

Análise de espectáculos

Disciplina que, a través dunha metodoloxía organizada de comentario, persegue o afondamento hermenéutico nos espectáculos escénicos a través do estudo das fórmulas de significación da obra e mais dos recursos estéticos empregados.

Animación sociocultural

Vid. Animación teatral  

Animación teatral

Fórmula de animación sociocultural especificamente orientada á difusión do teatro e ao emprego do mesmo como ferramenta socioeducativa.

Antagonista

Personaxe que se enfronta e que impide ou dificulta a outro personaxe protagonista dunha peza teatral manter o seu estatus social ou intelectual nun determinado contexto espacial e temporal.

Antiheroe

Vid. Heroe

Antropoloxía teatral

Proposta teórico-práctica desenvolvida por Eugenio Barba e centrada no estudo das condicións pre-expresivas anteriores á actuación.