Encyclopedia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Raio de enerxía

Vid. Método    

Rapsoda

Persoa encargada de recitar profesionalmente poemas épicos na Grecia clásica.

Recepción

1. Na comunicación escénica, conxunto de actividades de carácter perceptivo, hermenéutico e avaliativo realizadas polas persoas ás que se destina a mensaxe a través do espectáculo.
2. Suma das diversas interpretacións e opinións sobre unha obra dramática, teatral ou escénica tanto desde unha perspectiva diacrónica coma sincrónica.

Recepción implícita

É a recepción ou lectura creada pola obra, sexa esta un espectáculo escénico ou un texto dramático, a través da escolla de signos e a súa codificación que implican un modelo de decodificación que deberá realizar a persoa que a recibe, condicionada pola propia construción semiótica da obra.

Rede

Vid. Circuíto

Relixioso, Teatro

Na época medieval, misterios, milagres, autos e todo tipo de pezas de contido bíblico, carácter didáctico sobre asuntos relacionados coa moral cristiá ou divulgación de episodios no culto, sobre todo relacionados coa paixón, morte e resurrección de Xesucristo.

Repertorio

Na Teoría de Polisistemas de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a función do código, proporcionando así as ferramentas compositivas necesarias para que un produto dado poida funcionar de xeito sistémico. No sistema teatral, o repertorio é o conxunto de regras e materiais que rexen tanto a elaboración coma o consumo dun produto teatral determinado.

Representación

1. Posta en escena. Exhibición da obra ante o público.
2. Mímese. Ficción creada a través da posta en escena.
3. Resultado do proceso de construción do significado global da posta en escena a través de signos escénicos.

Retardo

Diferenza temporal entre a execución real e cotiá dunha reacción comunicativa e súa equivalente posta en escena pola persoa intérprete.

Retractatio

Mecanismo polo que a mímese volve a ollada aos modelos artísticos do pasado, é dicir, aquelas obras xa refrendadas pola Historia ou polo canon que cumprirían os requisitos poéticos necesarios para seren consideradas obras correctas e, por tanto, segundo a mesma teoría horaciana, decorosas.

Ritmo dramático

Recorrencia periódica a intervalos espaciados de recursos vencellados coa construción da trama e que implican a tensión ou a distensión na dosificación da intriga de xeito que se vai configurando a fábula.

Ritmo dramatúrxico

Recorrencia periódica a intervalos espaciados de recursos vencellados coa construción discursiva do texto dramático.

Ritmo escénico

Recorrencia periódica a intervalos espaciados de certos fenómenos escénicos (signos icónicos, recursos audiovisuais, recursos interpretativos, movementos escenográficos, etc.) que van marcando o tempo da posta en escena e que implican a rapidez ou a lentitude.

Rito

Celebración ou acto cerimonial que celebra unha comunidade cultural de xeito repetido ou estacional, para conseguir determinados beneficios ou purificar, iniciar, consagrar, de carácter funerario ou conmemorativo, de paso ou de acción de grazas.

Ritual, Teatro

Teatro que emprega o rito como fonte nun proceso de posta en escena que bebe deses actos cerimoniais, agrarios ou de fecundidade, onde a orxía, a procesión, o sacrificio, o carnaval ou o ditirambo posúen unha especial relevancia.

Rúa, Teatro de

Tipo de manifestación escénica que acontece en espazos públicos abertos e que pode ser itinerante ou de representación estática, que busca un rol dinámico da persoa espectadora, pois pode aparecer espontaneamente na súa vida cotiá e provocar calquera tipo de chamada, interacción ou relación paródica. Podemos establecer distintos tipos de artes escénicas de rúa: Aquelas […]