Retractatio – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Retractatio

Categoría:

Na Epístola aos Pisóns ou Arte Poética de Horacio, a retractatio é o mecanismo polo que a mímese volve a ollada aos modelos artísticos do pasado, é dicir, aquelas obras xa refrendadas pola Historia ou polo canon que cumprirían os requisitos poéticos necesarios para seren consideradas obras correctas e, por tanto, segundo a mesma teoría horaciana, decorosas.

Na reflexión horaciana sobre a mímese, hai unha preocupación pola súa lóxica ou corrección máis ca polo seu axeitamento á libre creatividade artística, e por iso Horacio elabora unha poética dos modelos, máis ca unha teoría literaria propiamente dita como podería ser a do seu predecesor Aristóteles. Neste sentido, Horacio, dando por suposto que a mímese ten un referente na realidade, estabelece que o seu obxecto non é a realidade en si, senón modelos que xa dan aportan o correspondente filtro decoroso da mesma. Así, un deses modelos serán as propias obras do pasado. Horacio estabelece así o canon romano propiamente dito aplicado á arte poética, un canon baseado na copia de modelos anteriores, que neste caso serían as pezas teatrais gregas que inspiran as romanas.

Vid. Decoro

 

Relacionado con