Mímese – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Mímese

Categoría:

Imitación, representación icónica dun referente. É o concepto fundamental da estética e poética antigas. Do grego μίμησις (mimesis), traducido ao latín como imitatio, o concepto nace para referirse á relación creativa entre a arte e o mundo, sendo esta de orde reprodutiva.

Władisław Tatarkiewicz inclúe o concepto de mímese entre as seis ideas que fundamentan historicamente a estética coma disciplina. Definíndoa coma o termo que pon en relación arte e realidade, Tatarkiewicz recolle a idea esencial do concepto que, lonxe de referirse exclusivamente á reprodución da realidade, implicaría tamén a produción a partir da mesma. Entre esas dúas acepcións oscilará ao longo dos séculos a reflexión sobre as artes miméticas e entre elas o teatro.

Tras as reflexións iniciais de Sócrates, o primeiro en referirse á mímese foi Platón nos libros III e X da súa República. Para el, a teoría da mímese está vencellada á súa Teoría das Ideas na que o mundo real non sería máis ca un reflexo imperfecto do mundo ideal; desde este punto de vista, Platón condena as artes por procederen á mímese dese reflexo imperfecto (copia da copia) de xeito que aínda deturpan máis o referente de perfección ideal, só atinxíbel a través do proceso cognoscitivo do filósofo ou, como moito, a través da inspiración dos poetas (furor), os únicos artistas aceptábeis para Platón xa que a súa actividade non sería mimética, senón estritamente léxica. Distingue Platón entre dous tipos de mímese, a icástica ou fiel, e a fántástica ou con perspectiva. Esta última, a propia dos sofistas, sería a peor das dúas, xa que implica a introdución da creatividade do artista e a separación dos modelos perfectos do mundo das ideas. En cambio, a mímese icástica é en primeira instancia a que ten lugar no mundo sensíbel a respecto do mundo ideal, e parécelle a Platón menos daniña cá fantástica se serve para permitir un achegamento controlado ao modelo moral da República. Malia todo, a mímese artística, para Platón, debe ser excluída da República ideal ou, polo menos, debe ser censurada e controlada, xa que supón unha deturpación moral dos seus habitantes debido a que implica a separación do mundo das ideas e a instalación na mentira que implica a exclusiva preocupación pola aparencia. O teatro, como arte mimética por definición é especificamente condenado por Platón na súa República.

Con todo, a noción de mímese que finalmente terá repercusión na teoría teatral occidental é a que Aristóteles expón na Poética, onde a vincula a outro dos seus termos fundamentais: acción. Aristóteles emprega unha noción creativa da mímese, diferente da platónica, xa que para el as artes miméticas (o teatro é unha delas) supoñen un enfoque que afasta o exercicio da mímese da pura copia do mundo. Para o Estaxirita, a arte é mimética por definición debido a que estabelece unha relación de semellanza co mundo ao que se refire. No capítulo VIII da súa Poética, de feito, Aristóteles detense nunha precisión fundamental: o artista non imita as cousas como son, senón como poderían ser. Por iso, como ben aprecia Cicerón no ano 55 a.C. no seu De oratore, o criterio de verificación da realidade non se pode aplicar ás artes, nomeadamente ás poéticas.

Para Aristóteles, o teatro é a imitación dunha acción e por iso se trata dunha modalidade artística que, dentro das literarias ás que se refire a poética, se suma á lírica, o ditirambo e a épica. Esa relación arte-mundo estabelecida pola mímese literaria ten tamén implicacións de carácter hermenéutico e obriga a un modo de recepción ou lectura de carácter intelectual no que o lector deberá restituír esa relación mimética e empregala para comprender o relato teatral ou dramatúrxico. Esa relación entre mímese e acción que propón Aristóteles é a que determina unha mímese de carácter estrutural onde a fábula ou argumento serven, precisamente, para organizar causalmente as accións nas que radica a idea de semellanza: a acción son feitos, e os feitos, no mundo, só poden ser realizados por persoas. De aí que Aristóteles insista en que a mímese teatral ten un obxecto que define como personaxe en acción (alguén que fai ou as actividades das persoas). A categoría (elevada ou non) deses obxectos, tanto os personaxes coma as súas accións, será o que determine a tipoloxía teatral que se deriva da súa reflexión sobre a mímese, e de aí que postule dous xéneros teatrais: a traxedia (mímese de accións elevadas) e a comedia (mímese de accións inferiores).

Malia todo, tanto na tradición latina coma medieval, a noción de mímese que predominará será a da copia da realidade, ata que a recuperación da Poética de Aristóteles no século XV obriga aos teóricos a reflexionar sobre a vella idea da imitación do mundo “como debera ser”. Isto ten como consecuencia unha serie de implicacións na interpretación renacentista da verosimilitude aristotélica e mais na mestura da mesma co vello concepto de decoro, tisnado de valores de carácter ético e moral ausentes, por suposto, no concepto de mímese tal como o formulara Aristóteles, e mesmo no concepto de decoro tal como o formulara Horacio. Aínda así, foi case indiscutida a idea de que a arte (o teatro) imita a realidade, entendendo que a idea de fidelidade ao modelo era consubstancial á propia mímese. A dificultade das artes en reproducir fidedignamente o modelo real era, xa que logo, o principal motivo de discusión arredor da idea de mímese.

Xa no século XX, tras constatarse a mencionada desviación da reflexión poética dos fundamentos estruturais da teoría aristotélica, ten lugar unha recuperación da esencia mimética das artes literarias. A teoría dos mundos posíbeis, da que Umberto Eco é un dos principais expoñentes, estabelece a orixe mimética de calquera ficción ao postular unha norma esencial para a construción discursiva da mesma: o funcionamento das leis da realidade a non ser que se especifique o contrario, apelando, por tanto, a unha mímese de orde non realista ou verosimilista, pero si aristotélica pura (o que o mundo “podería ser”). Asemade, a semiótica teatral, desde Veltrusky, asentou a natureza mimética da posta en escena ao estabelecer coma parte esencial da teatralidade a iconicidade do signo teatral. Desde este punto de vista, todo proceso de significación teatral é esencialmente mimético xa que o signo icónico estabelece co seu referente a relación de semellanza á que apela a mímese.

 

Relacionado con