Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Teatro

Categoría:
  1. Edificio no que se representan espectáculos escénicos.
  2. Discurso de vocación estética no que un conxunto de emisores emiten unha mensaxe que é ficción ou artefacto artístico formado por signos icónicos, múltiples e simultáneos, ante un auditorio pluripersoal que é copresente ao acto de emisión.

A definición de teatro como comunicación no aquí e no agora (hic et nunc) é a día de hoxe un lugar común na teoría teatral que ten discutido sobre as particularidades deste acto tanto no relativo á modalidade de emisión (quen emite un espectáculo?) coma nas características específicas do signo teatral en tanto que icónico e múltiple, xerando o paradoxo de ser ficción aquilo que acontece na mesma realidade física na que se dá a comunicación cuns espectadores que case nunca (ou poucas veces) exercen o feed-back propio doutras modalidades comunicativas coma a interacción oral humana. A ficción teatral que constitúe a mensaxe é de carácter complexo, pois nela reprodúcese habitualmente outra situación comunicativa (persoas ou personaxes falando entre si) para desenvolver unha historia na que tamén hai que construír, a través de signos de diferente natureza, un concepto espazo-temporal. Asemade, existen opcións escénicas coma o teatro posdramático, que foxen da construción dunha ficción mimética en sentido estrito, e se orientan cara á elaboración dun artefacto estético que, fuxindo do argumento propio do teatro aristotélico, transmite un significado máis aberto.

As primeiras definicións de teatro e teatralidade datan da Antigüidade, e é Aristóteles quen, na súa Poética, impón as bases dunha definición que, en moitos aspectos, aínda é válida na actualidade. Tralo filtro latino e medieval a través do concepto de decoro, a definición de teatro vai tomando un cariz máis específico e menos teórico, orientándose cara a unha modalidade escénica concreta que implicaría o relato escénico dunha historia cunha serie de características tanto formais coma de contido e progresivamente dependentes da existencia dun texto dramático que condicionaría a posta en escena. Será a partir de Diderot e a súa vontade de retomar a lóxica aristotélica, que a noción de mímese realista irrompa na definición de teatro, condicionando en boa medida a produción escénica ata o século XX, especialmente a través de movementos estéticos coma o Naturalismo. A reacción simbolista e a vangarda, preocupadas por unha reformulación da mímese artística afastada da inmediatez realista, serán determinantes para posibilitar unha definición de teatro que admita a fuxida da pièce bien faite e a aproximación a linguaxes non estritamente vencelladas co peso do texto dramático na definición da teatralidade. Serán as correntes escénicas de fins do século XX as que, desde a ruptura co aristotelismo mimético, faciliten unha definición do teatro como xénero escénico que, sen contar estritamente unha historia ou unha ficción máis ou menos concreta, poida expresar significados amplos a través da característica esencial da teatralidade que é o uso expresivo de signos icónicos, múltiples e simultáneos.

Nótese que distinguimos “teatro” de “texto dramático”, entendendo o primeiro coma un modo de expresión escénica caracterizada pola teatralidade e a segunda coma un modo de expresión literaria caracterizada pola dramaticidade. Convén salientar, con todo, que na linguaxe común e mesmo en moitos manuais de teoría e historia do teatro, non se distingue entre estas dúas opcións entendendo que “teatro” alberga tanto a expresión escénica dunha ficción coma o xénero literario que tamén denominamos “literatura dramática”.

 

Para saber máis

García Barrientos, José Luís (2004) Teatro y ficción, Madrid, Fundamentos; Trancón, Santiago (2006) Teoría del teatro: bases para el análisis de la obra dramática, Madrid, Fundamentos; Ubersfeld, Anne (1989) Semiótica teatral, Madrid, Cátedra; Vieites, Manuel F. (2004) O teatro, Vigo, Galaxia.

Relacionado con