Posdramático, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Posdramático, Teatro

Categoría:

Termo co que se designa unha modalidade teatral que constrúe a posta en escena desde unha vontade desxerarquizadora dos distintos signos, xerando así espectáculos nos que a noción tradicional de “texto” se revisa e nos que cobran valor os modos de significación estritamente escénicos.

Hans-Thies Lehmann acuña o termo “posdrama” ou “teatro posdramático” (emparentado con termos semellantes aínda que non sinónimos coma “teatro posmoderno” ou “postespectáculo”) no seu libro de 1999 O teatro posdramático (Posdramatisches Theater), onde sintetiza e exemplifica as características dun teatro que vai “máis alá do drama” xa que supera a súa dependencia da definición aristotélica dunha teatralidade dependente da causalidade argumental. Deste xeito, o posdrama, sen negar especificamente o emprego lingüístico e/ou literario, indaga nas zonas limítrofes da mímese ao servizo dunha ficción concreta, para penetrar nas posibilidades dun teatro da suxestión semántica e da pura ostentación como soporte do significado. Para Lehmann, o artefacto escénico posdramático basea a súa esencia na pura iconicidade do signo escénico, empregada como canle para liberarse do drama (texto escrito) e construír o sentido dun xeito máis aberto, non dependente dun argumento estritamente organizado desde o corsé da lóxica e cunha marcada tendencia ao redimensionamento da imaxe escénica ou visualidade e/ou coa fisicidade do intérprete. Deste xeito, o teatro posdramático reconsidera a estrutura do espectáculo, que deixa de ser teleolóxica (cara a un final) ou argumentativo-causal, e pasa a indagar nas posibilidades da fragmentaridade, da repetición e da non-progresión significativa. O posdrama, por iso, iría alén do drama na medida en que xera un modelo de teatralidade acorde con novos modelos de lectura máis proclives á apertura dos significados artísticos e á concepción do mundo derivada da posmodernidade, esixindo así unha recepción activa e participativa que, dalgún xeito, pretende criticar tamén a pasividade tradicional da recepción escénica, acomodada nun modelo burgués que non contribúe ao compromiso estético do espectador, como ten sinalado Erika Fischer-Lichte.

O teatro posdramático, deste xeito, indaga nunha reconceptualización do teatro afastada do texto, e para iso hiperboliza aqueles elementos alleos á dramaticidade (a dimensión estritamente sonora da palabra, a fuxida da argumentación causal, a ruptura co concepto de personaxe en prol da idea de actante ou figura, o emprego semántico e autónomo do espazo, a eliminación do tempo en progresión en favor da construción estritamente rítmica do espectáculo), na procura da autonomía artística da posta en escena fronte á súa tradicional dependencia literaria.

Aínda que Lehmann exemplifica o seu concepto de posdrama con artistas e obras que arrincan nos anos sesenta do século XX, a consolidación desta modalidade teatral dáse no último terzo dese século, e segue vixente. As diversas fórmulas estéticas derivadas da posdramaticidade deron lugar á materialización dunha vontade de hibridación xenérica e de ruptura coa tradición textual que xa estaba presente nas propostas teatrais de certa vangarda (o dadaísmo e o surrealismo, nomeadamente, e posteriormente o teatro do absurdo) e sobre todo no Teatro da Crueldade de Antonin Artaud (no que Jacques Derrida viu unha posibilidade deconstrutiva do teatro aristotélico non allea á posdramaticidade). Mais o teatro posdramático tal como o define Lehmann xera e espalla por todo o mundo opcións escénicas da mestura que interesan na medida en que xeran o que algúns consideran un novo paradigma escénico que renova o teatro de fins do século XX e do século XXI. Pina Bausch, Tadeusz Kantor, Robert Willson ou Heiner Muller son, entre outros, os expoñentes posdramáticos analizados no libro de Lehmann. En Galicia, podemos considerar que, fundamentalmente a partir dos anos noventa do século XX, toma forza a posdramaticidade como opción de renovación do teatro galego. Destaca neste sentido a proposta de compañías coma Matarile Teatro, dirixida por Ana Vallés, ou Voadora, dirixida por Marta Pazos. Ademais, artistas dramáticos tamén indagaron nas posibilidades escénicas da posdramaticidade, como acontece en Snakizados (2012) de Gustavo Pernas.

 

Para saber máis: Becerra de Becerreá, Afonso (2017) “A querela do posdrama en Galicia”, en Erregueté. Revista Galega de Teatro 90, 6-9; Cornago, Óscar (2006) “Teatro posdramático: las resistencias de la representación”, en Sánchez, José A. [dir.] Artes de la escena y de la acción en España. 1978-2002, Cuenca, UCLM, págs. 165-179; Fischer-Lichte, Erika (2008) The Transformative Power of Performance. A new aesthetics, London & New York, Routledge; Fuchs, Elinor (1996) The Death of Charachter. Perspectives of Theatre After Modernism, Bloomington & Indianapolis, The Indiana University Press;  Lehmann, Hans-Thies (2016) Teatro posdramático, Murcia, Cendeac.

Relacionado con