Figura – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Figura

Categoría:
  1. En análise do discurso da posta en escena, é a noción estrutural referida ao valor que exerce a presenza dun ser humano en escena, tanto se interpreta un personaxe coma se non.
  2. En retórica, é un procedemento expresivo que implica un desvío dos usos comunicativos cotiáns ou non marcados da linguaxe cunha finalidade estética.

Na análise de espectáculos, o discurso estúdase tendo en conta os tres parámetros estruturais que definen o mundo e, por tanto, a estrutura referencial da posta en escena, a saber: discurso do espazo, discurso do tempo e discurso da figura. A análise deste último implica asumir que, en toda construción intelectual, cómpre aceptar a existencia dun suxeito situábel no espazo e no tempo cuxas accións serán as que dean lugar á obra, á súa evolución e á súa condición de obxecto estético interpretábel. Se a posta en escena implica unha construción semiótica de carácter icónico na que sempre se produce o proceso de comparación cun referente exterior á posta en escena, deberemos aceptar que o seu carácter espazo-temporal requirirá o emprego verosímil do espazo e do tempo a través dunha entidade, tamén icónica, capaz de erixirse en suxeito do estar no espazo e no tempo e, ulteriormente, de ser e actuar neles. A figura é, por tanto, o signo que, por semellanza (icónica) co referente real significa “persoa” ou “ser”.

A figura é un concepto amplo que procura albergar as nocións tradicionais de personaxe, carácter e tipo, pero tamén valores máis estruturais coma o de actante ou rol. Alén diso, a noción de figura persegue unha definición humanística da posta en escena no sentido de que é condición sine qua non dos espectáculos escénicos a representación desa entidade antropomórfica capaz de ser suxeito das accións construídas no escenario (sexa teatro, ópera, danza ou calquera dos xéneros mixtos e experimentais imaxinábeis), o cal non implica que esta teña que construír necesariamente un personaxe no sentido aristotélico do termo, nin tampouco que estea necesariamente sustentada por un actor ou actriz; pode ser un boneco, por exemplo, ou calquera obxecto inanimado que, a través dos signos e convencións escénicas, se dota dunha capacidade performativa que permite que sexa interpretado como signo de persoa.

Relacionado con