Carácter – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Carácter

Categoría:

Figura ou personaxe considerado na súa individualidade e coas súas calidades morais e trazos psicolóxicos.

Os caracteres, xa son definidos na Poética de Aristóteles como “a calidade pola que dicimos que os que actúan son como son”. Para Aristóteles é unha das seis partes constitutivas da traxedia, xunto co argumento, a expresión, o pensamento, o espectáculo e a composición musical. Aristóteles indica que a traxedia non é imitación de seres humanos, senón de accións e dun certo modo de vida, por iso os personaxes da traxedia “non actúan para plasmaren caracteres, senón que se revisten de caracteres a través das súas accións”.

Para José Luis Alonso de Santos, o termo carácter é empregado, nunha clasificación dos personaxes na escrita dramática, para facer referencia a “un personaxe caracterizado por un trazo”, como por exemplo o avarento. Outras clasificacións de estudosos do teatro coma Ariel Rivera, que fai unha clasificación atendendo ao papel que realiza na acción dramática, os caracteres son “os que axudan no desenvolvemento dunha acción, polo xeral apoiando a un dos dous personaxes principais.” Para María del Carmen Bobes Naves os caracteres son tanto físicos coma morais e na súa totalidade son os que acaban por individualizar os personaxes.

 

Relacionado con