Encyclopedia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Codificación

Vid. Comunicación teatral  

Código

Formado por un conxunto de signos individuais e mais polas leis de combinación entre estes, un código é a ferramenta compositiva das mensaxes en todo acto comunicativo, que por tanto debe ser coñecida tanto para as persoas que emiten coma para as destinatarias da mensaxe.

Coherencia

Principio dramatúrxico que se refire á harmonía e á lóxica interna entre os elementos dunha peza a nivel global. É unha categoría propia tanto da recepción coma da produción teatral.

Cohesión

Feito provocado por calquera código de significación ou por un signo no carácter polifónico da escena e do texto dramático, que trae consigo a homoxeneización e a capacidade de integración ou reforzo da unidade formal.

Comedia erudita

Tipo de comedia renacentista cultivada polos eruditos humanistas italianos a modo de imitación dos modelos clásicos, principalmente Plauto e Terencio.

Comentario

Vid. Crítica teatral  

Comercial, Teatro

Teatro feito para o chamado gran público ou masa.

Comezo

Elemento estrutural da intriga situado ao principio da obra que implica a exposición dos elementos constitutivos da trama e mais a presentación dos personaxes.

Cómica, Cómico da legua

Vid. Barroco, Teatro

Commedia dell’arte

Xénero cómico italiano nacido na século XVI e de importante influencia na cultura escénica europea posterior. Tamén recibiu as seguintes denominacións: commedia all’improviso, commedia a soggeto, commedia di zanni e, en Francia, comédie italienne. Como se indica no Dicionario de Termos Literarios do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades: “A súa orixe parece […]

Compaixón

Vid. Mágoa

Compañía de título

Vid. Barroco, Teatro

Comunicación teatral

Proceso a través do cal se emite un signo para que sexa interpretado pola persoa destinataria a partir das normas e convencións dos procesos de enunciación teatral e a súa correspondente recepción.

Concretización

Procedemento de recepción polo cal se estabelece o sentido da obra a través do proceso de decodificación ou lectura.

Coñecemento afectivo

Tamén chamado “análise cognitiva”, é unha técnica de análise textual propia do Método de Konstantin Stanislavski.

Conflito

É o enfrontamento ou o choque entre dúas forzas que perseguen o mesmo obxectivo ou nas que unha impide o triunfo da outra nunha obra dramática. Tamén pode haber un conflito interno cando é un mesmo personaxe quen confronta dúas visións ou interese particulares na súa peripecia. Para que exista drama, o protagonista deberá atoparse […]

Connotación

Principio semiolóxico polo cal un signo ten significados secundarios ou engadidos ao seu significado principal ou denotación.

Connotativo (Principio de funcionamento)

Vid. Connotación Vid. Signo escénico    

Consumidora/Consumidor

Na Teoría de Polisistemas, de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a función da utilización ou uso dos produtos, culminando así as dinámicas artísticas nunha sociedade dada. No sistema teatral, consumidor ou consumidora é aquel individuo ou entidade encargado de utilizar o teatro en función dos seus propios intereses, fundamentalmente relacionados coa adquisición do capital simbólico e social que aportan os produtos teatrais e a actuación no sistema teatral.

Convención

Norma de comportamento tanto creativo coma receptivo que senta a base dun acordo a través do cal as persoas que interveñen na comunicación escénica asumen que o resultado das accións en escena é unha obra estética, non real, parámetro fundamental para a súa interpretación e valoración.

Coreuta

Membro do coro da traxedia clásica.

Coro

1. Personaxe colectivo da traxedia e da comedia grega clásicas encargado de alertar, informar, danzar ou bailar e que dialoga cos protagonistas a través do corifeo.
2. Agrupacións folclóricas que, a fins do século XIX e comezos do XX representaban zarzuelas e promovían a recuperación da música e a danza populares, alén de representacións teatrais de orde polo xeral costumista e rural.

Cotexto

Vid. Didascalia

Coturno

Calzado con base de cortiza que empregaban os actores da traxedia grega clásica nas representacións para os heroes e protagonistas, coa finalidade de pareceren máis altos.