Consumidora/Consumidor – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Consumidora/Consumidor

Categoría:

Na Teoría de Polisistemas, de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a función da utilización ou uso dos produtos, culminando así as dinámicas artísticas nunha sociedade dada. No sistema teatral, consumidor ou consumidora é aquel individuo ou entidade encargado de utilizar o teatro en función dos seus propios intereses, fundamentalmente relacionados coa adquisición do capital simbólico e social que aportan os produtos teatrais e a actuación no sistema teatral.

Para Itamar Even-Zohar todo sistema está organizado de modo comunicativo, de xeito que cada factor do sistema cumprirá dentro del unha función equivalente á de cada un dos factores da comunicación estabelecidos por Roman Jakobson. Así, o consumidor ou consumidora equivalerá en termos comunicativos á función de recepción, e o autor identifícao coa noción económica de cliente.

O consumo teatral ten dúas facetas, correspondentes aos dous tipos de produto que existen no sistema teatral (escénico e literario). Por isto, no sistema teatral serán consumidores tanto o espectador ou espectadora teatral coma o lector ou lectora de textos dramáticos. Ademais, cómpre considerar entre as actividades de consumo o teatro amador ou afeccionado, xa que se trata dunha fórmula de uso tanto de produtos escénicos coma literarios que non está destinado nin ao seu posicionamento no mercado teatral nin á dedicación profesional, senón que se propón como unha fórmula participativa de acceso ao capital simbólico que proporciona a experiencia estética nas súas diversas facetas.

No sistema teatral galego os espectáculos máis consumidos chegaron a acadar arredor dos 25000 espectadores, aínda que a cantidade media de espectadores por produción rolda os 10000, o cal indica o déficit de consumo coma unha das características principais do noso sistema teatral. Segundo diversos estudos realizados arredor do público teatral, tense estabelecido que o perfil medio individual do consumo teatral en Galicia se identifica cunha muller, coruñesa, habitante dunha vila de 60000 habitantes, de 39,3 anos, con formación superior e laboralmente ocupada. A respecto dos hábitos de consumo, o teatro é unha actividade de fin de semana (sábados) na que non se adoita empregar abonos ou descontos. Alén diso, é a comedia de humor a modalidade máis consumida no teatro galego. A respecto dos índices de lectura teatral en Galicia, tense cualificado ese modelo de consumo como irrelevante, aínda que carecemos de datos cuantitativos concretos debido á marxinación do libro teatral no sistema editorial galego. Por último, en Galicia a Federación Galega de Teatro Afeccionado (fegatea) conta con medio cento de grupos asociados, aínda que é posíbel deducir que a actividade amadora é máis ampla, sobre todo se temos en conta a fortaleza do teatro escolar no país.

 

Relacionado con