Encyclopedia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Fábula

Tradución latina do grego mythos, que na Poética de Aristóteles se refería tanto á disposición dos acontecementos na traxedia coma ao propio relato dos feitos.

Farándula

Vid. Barroco, Teatro

Farsa

Xénero dramático cómico breve, que se caracteriza pola sinxeleza do seu argumento e das accións e pola brevidade, ademais de tratar asuntos disparatados, con frecuencia enganos.

Fatalidade de custos, Lei de

Norma que rexe o funcionamento económico das artes escénicas, tendente ao déficit debido á lagoa de produtividade que se xera cando os gastos son constantes mentres que os ingresos tenden a diminuír. Esa tendencia obriga a que os modelos de produción nas artes escénicas deban procurar permanentemente fórmulas externas de inxección de capital.

Fatum

1. Un dos elementos do tráxico, vencellado á noción de destino ou fatalidade; 2. Deidade ou deidades que personifican o Destino na mitoloxía romana.

Feminista, Teatro

Toda manifestación escénica ou dramática realizada con perspectiva de xénero, isto é, desde a ruptura coas fórmulas de organización teatral naturalizadas polo patriarcado a través das que se normaliza o sometemento das mulleres, o seu desempoderamento e a súa desigualdade, asumindo, ademais, que a Historia do Teatro silenciou tanto a presenza das artistas e o seu punto de vista estético, coma o tratamento teatral de modelos de muller heterodoxos.

Ficción

Fórmula discursiva sobre a que non é aplicábel o criterio de verificación e que, por tanto, serve para representar artisticamente mundos posíbeis, entidades imaxinarias ou realidades alternativas.

Ficcionalidade

Propiedade dos discursos artísticos que perseguen crear un mundo posíbel ou ficción.

Figura

En análise do discurso da posta en escena, é a noción estrutural referida ao valor que exerce a presenza dun ser humano en escena, tanto se interpreta un personaxe coma se non.
En retórica, é un procedemento expresivo que implica un desvío dos usos comunicativos cotiáns ou non marcados da linguaxe cunha finalidade estética.

Figurinista

Persoa encargada de deseñar e realizar os figurinos dunha peza escénica.

Figurino

Debuxo que representa o deseño dos personaxes dun espectáculo.

Final aberto

Recurso dramatúrxico que consiste en deixar inacabada unha ou varias tramas argumentais dentro dunha historia. O contrario sería un final pechado.

Flash back

Vid. Analepse  

Flash forward

Vid. Prolepse

Folla de recadación

Documento que elabora un teatro, unha sala, un festival ou calquera outro espazo de exhibición de espectáculos, no que se reflicten os datos de asistencia en número total de espectadores, total de ingresos por venda de entradas e estruturación do tipo de entradas: xeral, con desconto, convite, etc.

Foyer

Espazo de encontro no edificio teatral.

Futurista, Teatro

Movemento teatral vangardista que conta cun manifesto teatral publicado por Filippo Tomasso Marinetti no ano 1909 e no cal se atopan as claves desta corrente que promove o estupor e a incursión da máquina sobre o escenario en contra do psicoloxismo anterior.