Futurista, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Futurista, Teatro

Categoría:

Movemento teatral vangardista que conta cun manifesto teatral publicado por Filippo Tomasso Marinetti no ano 1909 e no cal se atopan as claves desta corrente que promove o estupor e a incursión da máquina sobre o escenario en contra do psicoloxismo anterior. Tamén pretenden provocar unha situación de hostilidade cos espectadores como maneira de recepción teatral.

Algúns creadores teatrais futuristas foron Fortunato Depero, o dramatugo Francesco Cangiulo, o escenógrafo Enrico Prampolini ou o pintor e tamén escenógrafo Umberto Boccioni. Nas escenografías pódense apreciar tamén as características deste movemento teatral, na representación das cidades, o movemento, grandes edificios en tensión que provocan un gran dinamismo visual ou no deseño de máquinas humanoides, especies de altofalantes ou robots e estruturas fragmentadas.

As conclusións do manifesto “O teatro futurista sintético”, publicado en 1915 por Marinetti, Emilio Settimelli e Bruno Corra son moi ilustrativas para coñecer as pretensións deste grupo de artistas rompedores:

  1. Abolir totalmente a técnica baixo a cal morre o teatro pasadista.
  2. Poñer en escena todos os descubrimentos (por moi inverosímiles, estraños e antiteatrais que sexan) que a nosa xenialidade vai facendo no subconsciente, nas forzas mal definidas, na abstracción pura, no cerebralismo puro, na fantasía pura, no rédord e na fisicofolía.
  3. Sintetizar a sensibilidade do público, explorando e revelando por todos os medios as manifestacións máis preguiceiras; eliminar o preconcepto do proscenio tendendo redes de sensacións entre o escenario e o público; a acción escénica invadirá a platea e os espectadores.
  4. Fraternizar calorosamente cos cómicos, que se encontran entre os escasos pensadores que rexeitan todo deformante esforzo cultural.
  5. Abolir a farsa, o vaudeville, a pochade, a comedia, o drama e a traxedia, para crear no seu lugar as numerosas formas do teatro futurista, tales como: as réplicas en liberdade, a simultaneidade, a compenetración, o poemiña animado, a sensación escenificada, a hilaridade dialogada, o acto negativo, a réplica rebotada, a discusión extralóxica, a deformación sintética, o espírito científico…

Relacionado con