Farsa – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Farsa

Categoría:

Xénero dramático cómico breve, que se caracteriza pola sinxeleza do seu argumento e das accións e pola brevidade, ademais de tratar asuntos disparatados, con frecuencia enganos.

A profesora Grillo Torres engade as seguintes características deste tipo de teatro popular: personaxes pouco numerosos e moi tipificados, con intención de provocar gargallada, habituais apelacións ao público, diálogos áxiles e con abundancia de dobres sentidos, frecuentes elementos escatolóxicos e habitual dependencia doutra obra máis longa para ser representada.

A farsa comparte as mesmas características case dende a época grecolatina ata a actualidade, se ben é certo que nos diferentes contextos nos que se cultivou, adoita tomar temas de actualidade, dialectos da zona ou tópicos e costumes populares, como pode ser o tema das aparicións na Farsa das zocas de Ricardo Carballo Calero.

Unha das farsas máis destacadas da historia da literatura dramática universal é a Farsa de Maître Pathelin, peza francesa considerada anónima do S. XV e que critica os avogados e os comerciantes, dúas das clases sociais máis poderosas do momento. Na literatura dramática galega, autores coma Manuel María, Eduardo Blanco Amor ou Xabier Prado “Lameiro”, cultivaron este xénero, en moitos casos con afán normalizador e divulgador da lingua galega entre un público maioritario.

Relacionado con