Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Figurino

Categoría:

Debuxo que representa o deseño dos personaxes dun espectáculo.

Os figurinos son o resultado da investigación, documentación e creación dunha serie de elementos de indumentaria e caracterización para cada personaxe, tantos como sexan necesarios para os cambios que se pretendan levar a cabo na posta en escena. Estes deseños son unha ferramenta importante para o resto do equipo artístico, especialmente para o director de escena, pero tamén para a confección dos mesmos na xastrería ou na elaboración ou localización de complementos.

Marisa Echarri e Eva San Miguel expoñen as fases do proceso de traballo dun ou dunha figurinista do seguinte xeito:

  1. A comunicación da escolla por parte do director artístico, de acordo coa produción. Neste proceso, o figurinista recibe toda a información precisa para realizar o seu traballo: que obra se levará a escena, equipo artístico, orzamento e tempo de produción.
  2. Calendario de reunións co director artístico e co resto do equipo.
  3. Primeira análise do texto e extracción da información precisa.
  4. Asistencia a ensaios e traballo de mesa.
  5. Elaboración da listaxe do reparto actoral e dos cambios de indumentaria, se os hai.
  6. Busca de fontes e adecuación estética.
  7. Elaboración dos deseños, que deberán conter información visual e técnica sobre os volumes, texturas, materiais, liñas, cores e calquera outra información complementaria que sexa de relevancia.
  8. Presentación e defensa das súas propostas e das imaxes en relación coa estética xeral e coa información específica que se pretende transmitir en cada personaxe ao espectador.
  9. Elección dos tecidos, asistencia e seguimento no obradoiro de xastrería.
  10. Entrega do material e valoración do mesmo na súa utilización, na súa tridimensionalidade. Nesta fase, previa á estrea do espectáculo, poden xurdir algúns axustes que se deberán concretar e acordar coa dirección.

Relacionado con