Unidade estrutural de segmentación da obra dramática que se corresponde cunha mudanza espazo-temporal, a diferenza da mudanza vencellada á acción e á entrada e saída de personaxes que se correspondería coa división en actos ou mesmo escenas.
O termo, vencellado coa pintura, non só implicaría precisamente un cambio de decorado, senón que, como sinala Patrice Pavis, relaciónase cunha “visión pictórica” da escena dramática xurdida co drama burgués no século XVIII, implicando unha determinada disposición dos personaxes en escena e unha situación que o público observaría coma un cadro vivente. Esta idea será especialmente produtiva no modelo realista, pero tamén no drama por estacións expresionista e no teatro épico, onde funciona a descomposición dunha extensión de tempo en que a unidade do cadro serve para amosar ao público un todo que non se proxecta no seguinte e que será acompañado dun gestus específico.