Drama burgués – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Drama burgués

Categoría:

Xénero que nace no século XVIII a partir da reformulación do teatro aristotélico xurdida da necesidade de atopar unha modalidade intermedia entre a comedia e a traxedia, capaz, ademais, de integrar o decoro dezaoitesco e as condicións da pièce bien faite.

Denis Diderot, principal teórico do drama burgués en ensaios coma o seu Discours sur la poésie dramatique (1758), revisou o concepto aristotélico de identificación para introducir nel unha idea de clase que puidese aproximar a teoría tanto ás expectativas do público teatral do seu tempo coma á vontade da clase en ascenso, a burguesía, de verse reflectida no teatro canónico. Segundo Diderot, a identificación co heroe no teatro do seu tempo non procedería exclusivamente da lóxica argumental, como estabelecía Aristóteles para a traxedia clásica, senón que ademais procedería da capacidade dese personaxe para apelar, como indica Patrice Pavis, “á sensibilidade lacrimosa e ao espírito filosófico do século XVIII”. Deste xeito, Diderot fai confluír nun xénero específico a lóxica argumental aristotélica (materializada na pièce bien faite) e mais unha noción de decoro vinculada co horizonte de expectativas moral e social desde o que se construiría o heroe burgués, produto inmediato da vocación realista propia da teoría diderotiana. Así, a “autenticidade” do teatro do século XVIII dependería da representación verosímil en escena do modelo de vida burgués, xerando un efecto de ilusión que non dependería da orde causal do argumento, senón da semellanza mimética co mundo representado e, sobre todo, idealizado como modelo de comportamento social e moral.

 

Relacionado con