Encyclopedia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Diálogo

1. Fórmula enunciativa propia do drama.
2. Xénero literario que organiza a ficción a partir da conversa entre dous ou máis personaxes.

Dialoxismo

Forma propia da polifonía discursiva que xera especificidades semántico-pragmáticas na construción dos textos.

Diazoma

Do grego διάζωμα, é o corredor horizontal que facilita o acceso do público aos asentos na grada (koilón) do theatron grego. Vid. Ilustración no termo “theatron”

Didascalia

Texto de extensión e alcance variábel, como un enunciado emitido por un narrador ou un observador externo e que adquire certo sentido só se se atende á lectura do texto escrito, prescindindo do espectáculo representado e as diferentes formas de intervención do personaxe na obra.

Diéxese

Directamente tomado do grego διήγησις, co significado de “relato”, o termo pasa a denominar o acto de contar e, por extensión, a ficción. Xa que a teoría literaria identificou desde Platón a diéxese coa narración, algo que recolle Aristóteles na súa Poética, identifícase habitualmente coa historia ou fábula, contraposta ao discurso que implicaría o emprego […]

Dilema

Disxuntiva ante a cal se atopan os personaxes, especialmente os heroes na traxedia clásica, nunha situación habitualmente climática e na cal se ven obrigados a escoller entre dúas solucións que poden ser equivocadas, ou ambas inaceptábeis, e que reforzan o destino tráxico ou o pathos, sufrimento e  infortunio do personaxe.

Dímer

É un dispositivo eléctrico ou un reostato que posúe diferente número de canles para distribuír a corrente eléctrica e cumprir a función de regulador.

Dionisíacas

Celebracións ou festividades dedicadas ao deus Dionisos na Ática, as chamadas dionisias rurais, e sobre o ano 600 a.C. na cidade de Atenas durante o mes de marzo, que duraban seis días e que están moi relacionadas coa fertilidade, o sexo, o viño e o teatro.

Discurso

Vid. Enunciación escénica Organización e disposición do material semiolóxico tanto na posta en escena coma no texto dramático orientada a xerar un significado complexo que debe ser interpretado polo espectador, espectadora, lector ou lectora. Na análise de espectáculos, atenderase especificamente ese modo de organización co fin de facer explícitos os seus mecanismos compositivos e aportar […]

Distanciamento, Efecto de

Chamado orixinalmente Verfremdungseffekt, trátase dun procedemento para crear distancia teatral ou estrañamento investigado, entre outras correntes, a través do Teatro Épico de Bertold Brecht.

Ditirambo

Composición poética ou canto coral da Antiga Grecia. Era unha oda lisonxeira, entusiasta e vivaz, onde o corifeo recitaba composicións, normalmente de forma irregular, acompañado por un coro de ata 50 membros que danzaban e tocaban instrumentos, vestidos de sátiros ou faunos.