Encyclopedia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Drama burgués

Xénero que nace no século XVIII a partir da reformulación do teatro aristotélico xurdida da necesidade de atopar unha modalidade intermedia entre a comedia e a traxedia, capaz, ademais, de integrar o decoro dezaoitesco e as condicións da pièce bien faite.

Drama satírico

É un dos xéneros dramáticos da Grecia Clásica, xunto coa traxedia e a comedia. Pode dicirse que era unha traxedia divertida, con presenza de elementos paródicos e cómicos en asuntos serios, unha estrutura similar á da traxedia, pois contaba con prólogo, párodos, episodios e éxodo, mais a diferenza desta podía conter certos vulgarismos, coloquialismos e unhas construcións sintácticas máis simples.

Dramaticidade

Propiedade esencial da literatura dramática. É o especificamente dramático, aquilo que outorga a condición de dramático a un texto, distinguíndoo por tanto doutros xéneros literarios coma a narrativa ou a lírica.

Dramatis personae

Tecnicismo latino empregado para nomear a lista de personaxes dunha obra dramática. Significa, literalmente, “personaxes do drama”.

Dramaturga, Dramaturgo

Persoa encargada de escribir o texto dramático, así coma a dramaturxia para unha peza escénica, labor que tamén pode comprender a elaboración das partituras visual, sonora e de accións físicas, actividade máis específica pola que recibe o nome de dramaturxista.

Dramaturxia

Actividade consistente en elaborar o texto da representación, o esquema ou un manual de instrucións de códigos expresivos ou (re)compoñer un texto para que unha persoa ou conxunto de persoas creadoras poidan levar a cabo un espectáculo.

Dramaturxista

Persoa que exerce a profesión consistente en preparar un texto para a representación ou en intervir nun texto de calquera natureza e xénero e facer posíbel que teña elementos dramáticos, é dicir, facelo apto e eficaz para a súa posta en escena a través da dramaturxia.

Drammatis personae

Vid. Didascalia