Drama satírico – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Drama satírico

Categoría:

É un dos xéneros dramáticos da Grecia Clásica, xunto coa traxedia e a comedia. Pode dicirse que era unha traxedia divertida, con presenza de elementos paródicos e cómicos en asuntos serios, unha estrutura similar á da traxedia, pois contaba con prólogo, párodos, episodios e éxodo, mais a diferenza desta podía conter certos vulgarismos, coloquialismos e unhas construcións sintácticas máis simples.

O drama satírico era presentado aos concursos das Dionisíacas de Atenas xunto con tres traxedias, ao final das mesmas, formando unha tetraloxía, se ben en posteriores concursos das festividades da illa cíclada de Delos, chegarán a ser presentados de maneira independente.

Só se conserva un exemplar enteiro de drama satíriro, O cíclope de Eurípides, que conta as aventuras do rescate de Dionisos por parte dos sátiros e de Sileno, o vello sabio, borracho acompañante do deus do viño. Aínda así, existen outros fragmentos deste mesmo xénero, coma Os Espectadores do Istmo ou Os tiradores da rede, ambos de Esquilo, Os Sabuxos de Sófocles ou Alcestis de Eurípides. Considérase ao dramaturgo Pratina de Fliunte coma o primeiro autor deste xénero, consolidado nun estado intermedio entre o pre-drama ou canto ditirámbico e a traxedia.

Relacionado con