Dramatis personae – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Dramatis personae

Categoría:

Tecnicismo latino empregado para nomear a lista de personaxes dunha obra dramática. Significa, literalmente, “personaxes do drama”. A persoa que escribe o drama presenta nese listado os personaxes coa súa denominación, a relación entre ambos ou os datos esenciais dentro da peza concreta, como poden ser a idade, a profesión ou calquera outro aspecto que poida orientar a recepción.

No dramatis personae, pode haber unha diferenza de información e intención dramatúrxica, dende o aspecto humorístico, a sinalización de aspectos minimalistas ou críticos, como podemos atopar na peza A vella sensación do prohibido, de Gustavo Pernas:

“EL: Casado desde hai 25 anos.

ELA: Casada desde hai 25 anos.”

Ata outras moito máis narrativas, poéticas e de ampla e densa información, coma estoutra da obra Todo é horrible, moi horrible e eu tamén, de Roberto Salgueiro:

“PROT AGÓNICO PECKER: Imbécil radical de vestimenta ridícula. Prototipo de intelectual barato, -especie moi espallada pola nosa xeografía-. A metade dos seus monólogos poden ser prescindibles. Iso xa é cousa do director de escena. No caso de non haber director de escena, seguen sendo prescindibles. Sería interesante que levase o pelo cardado.

LENI: Muller intelixente. Posiblemente ela non o sabe. Pode levar zapatos de tacón. Ou non. Que vaia como lle pete: os homes son idiotas.”

Pódese considerar que o dramatis personae é un tipo de didascalia, pois suxire, connota e ofrece unha paisaxe global da peza pero tamén sobre a conduta, sobre o estilo xeral, os antecedentes e os referentes expostos coa intención de axudar á construción do personaxe na súa caracterización, movementos, xestos, etc. por parte dos intérpretes e a persoa  na dirección escénica para dar coas claves do estilo e da dirección actoral, mesmo dos materiais, recursos e escollas dramatúrxicas da escenificación.

Relacionado con