Dramaturxia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Dramaturxia

Categoría:

Actividade consistente en elaborar o texto da representación, o esquema ou un manual de instrucións de códigos expresivos ou (re)compoñer un texto para que unha persoa ou conxunto de persoas creadoras poidan levar a cabo un espectáculo.

Considérse que a Dramaturxia nace no período da Ilustración e que foi concretamente Lessing (1729-1781) quen sentou os principios científicos e pragmáticos do oficio da dramaturxia, ao rexeitar a dirección do Teatro Nacional de Hamburgo acabado de crear e ocupar o posto de conselleiro encargado da elaboración de repertorio, relacións co público e elaboración de adaptacións. Durante esta breve experiencia, tamén se xestou a súa obra máis recoñecida neste ámbito, A Dramaturxia de Hamburgo, que supón unha relectura da Poética de Aristóteles para redefinir nun novo contexto e fortalecer as etiquetas dos xéneros dramáticos, a finalidade da arte, a análise crítica do feito teatral, etc.

Na actualidade, os diversos exemplos de compañías que non basean a creación do espectáculo na existencia dun texto prefixado, permítennos ampliar o concepto de dramaturxia e a súa consideración seguindo as metodoloxías e resultados escénicos concretados no libro visual de Robert Wilson, as linguaxes híbridas de Robert Lepage, a autorreferencialidade, metadramaticidade e fragmentación de Matarile Teatro ou  a linguaxe musical posdramática e intertextual de Voadora, entre outros. En moitas creacións escénicas contemporáneas, podemos observar que a dramaturxia non (só) se sustenta na textualidade, senón que a dramaturxia pode vir dada pola escrita dunha partitura visual, partitura sonora ou partitura de accións físicas encamiñadas ao desenvolvemento dunha unidade conceptual, dunha serie de estímulos ou dunhas ideas que non teñen por que ter necesariamente o soporte da ficción, dun personaxe nin dunha historia lóxica. Vemos, polo tanto, que a dramaturxia pode estar tanto encamiñada á creación dunha pièce bien faite como a unha peza paisaxe ou calquera outra composición cunha dimensión máis maiéutica ca mimética ou de relato e rememoración dunha historia.

O profesor e dramaturgo Afonso Becerra sinala que as funcións básicas da dramaturxia son:

  • Situar os materiais textuais da obra coa que pretendemos traballar.
  • Ver o abano de posibilidades e de lecturas que ten un texto. Escoller a opción que máis nos interesa.
  • Ver como podemos traducir a materiais escénicos os materiais textuais.
  • Coñecer os mecanismos de construción e aplicalos.
  • Elaborar un conxunto de opcións estéticas e ideolóxicas e estudar as decisións que as escollas comportan.
  • Retocar un texto, suprimir algún personaxe, engadir outros materiais, cortar algunha escena, etc., despois de ter feito a súa análise e de optar por unha liña estética e ideolóxica determinadas que xustifiquen esa operación.

A dramaturxia é o esqueleto sobre o cal se sostén un espectáculo teatral e, polo tanto, da súa correcta e coherente elaboración dependerá a eficacia, a integración dinámica e a posta en valor de todos os recursos humanos e materiais que concorren nunha posta en escena.

Relacionado con