Literatura dramática – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Acontecemento

1. Aquilo que sucede en escena ou na historia dramática organizado en unidades mínimas. 2. Vivencia teatral.

Acoutación

Vid. Didascalia

Agón

Termo pertencente á literatura dramática grega clásica que fai referencia ao conflito verbal, á contenda ou ao debate establecido entre dous personaxes, normalmente protagonista e antagonista.

Agonal

Relativo ao agón, ou vencellado coa capacidade do diálogo dramático para expresar o conflito.

Anagnórise

Recoñecemento por parte do personaxe dunha obra dramática, normalmente dunha traxedia grega clásica, aínda que tamén se pode atopar nas comedias, de datos fundamentais sobre a súa identidade ou a dos seus acompañantes, do erro ou das consecuencias fatais do seu destino.

Antagonista

Personaxe que se enfronta e que impide ou dificulta a outro personaxe protagonista dunha peza teatral manter o seu estatus social ou intelectual nun determinado contexto espacial e temporal.

Antiheroe

Vid. Heroe

Aparte

É unha convención dramática, pola cal un personaxe fala ao público ou a outro personaxe sen que un ou varios personaxes patentes na escena o escoiten e polo tanto reaccionen a esa información ou confesión, que normalmente revela os obxectivos, confidencias íntimas ou burlas sobre os que non escoitan. Pódese considerar o aparte unha especie […]

Apelación

Forma de aparte en que o personaxe rompe a cuarta parede dirixíndose ao público, sexa mantendo ou non a ilusión como tal personaxe dentro do marco ficcional de referencia.

Aristotélico, Teatro

Dise do teatro construído a través dunha dramaturxia fundamentada nos preceptos sinalados por Aristóteles na súa Poética.

Arquetipo

Personaxe recorrente da mitoloxía ou da cultura literaria tradicional que, en si mesmo, representa algún elemento innato común á especie humana.

Bloque didascálico

Vid. Didascalia

Cadro

Unidade estrutural de segmentación da obra dramática que se corresponde cunha mudanza espazo-temporal, a diferenza da mudanza vencellada á acción e á entrada e saída de personaxes que se correspondería coa división en actos ou mesmo escenas.

Canevás

Vid. Commedia dell’arte

Carácter

Figura ou personaxe considerado na súa individualidade e coas súas calidades morais e trazos psicolóxicos.

Caracterización

1. Proceso polo que se estabelece a configuración física, psíquica e emocional que define o personaxe en relación coa acción e que resulta esencial para crear a través dos personaxes o chamado “efecto de realidade”. 2. Disciplina vencellada co traballo escenográfico destinada a configurar visualmente o aspecto do personaxe en escena.

Clímax

Momento álxido de concentración da tensión rítmica.

Coherencia

Principio dramatúrxico que se refire á harmonía e á lóxica interna entre os elementos dunha peza a nivel global. É unha categoría propia tanto da recepción coma da produción teatral.

Comezo

Elemento estrutural da intriga situado ao principio da obra que implica a exposición dos elementos constitutivos da trama e mais a presentación dos personaxes.

Conflito

É o enfrontamento ou o choque entre dúas forzas que perseguen o mesmo obxectivo ou nas que unha impide o triunfo da outra nunha obra dramática. Tamén pode haber un conflito interno cando é un mesmo personaxe quen confronta dúas visións ou interese particulares na súa peripecia. Para que exista drama, o protagonista deberá atoparse […]

Cotexto

Vid. Didascalia

Crítica académica

Vid. Crítica teatral

Crítica literaria

Vid. Crítica teatral

Crítica xornalística

Vid. Crítica teatral

Crítica/crítico teatral

Persoa que se dedica á crítica teatral.

De-dogu

Vid. Kabuki  

Desenlace

Elemento estrutural da intriga situado ao final da obra que implica a resolución dos distintos fíos causais do argumento.

Didascalia

Texto de extensión e alcance variábel, como un enunciado emitido por un narrador ou un observador externo e que adquire certo sentido só se se atende á lectura do texto escrito, prescindindo do espectáculo representado e as diferentes formas de intervención do personaxe na obra.

Dilema

Disxuntiva ante a cal se atopan os personaxes, especialmente os heroes na traxedia clásica, nunha situación habitualmente climática e na cal se ven obrigados a escoller entre dúas solucións que poden ser equivocadas, ou ambas inaceptábeis, e que reforzan o destino tráxico ou o pathos, sufrimento e  infortunio do personaxe.