Do grego ἀρχέτυπος, significa “modelo orixinal” e refírese ao personaxe recorrente da mitoloxía ou da cultura literaria tradicional que, en si mesmo, representa algún elemento innato común á especie humana ou tipo de personalidade e resulta, por tanto, modélico. Trátase da procura dun universal humano expresábel na creación de ficcións como por exemplo o heroe, o vilán, a doncela namorada ou a femme fatale, e que, en opinión de Carl Jung, se correspondería cunha imaxe herdada do inconsciente colectivo. Os arquetipos son, por tanto, entidades ficcionais que, como personaxes, apelan tamén a unha dimensión simbólica para seren interpretados.