Encyclopedia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Anagnórise

Recoñecemento por parte do personaxe dunha obra dramática, normalmente dunha traxedia grega clásica, aínda que tamén se pode atopar nas comedias, de datos fundamentais sobre a súa identidade ou a dos seus acompañantes, do erro ou das consecuencias fatais do seu destino.

Analepse

Recurso para a manipulación do discurso tempora a través do cal se remite a un episodio anterior aos feitos amosados ou relatados.

Análise activa

No Método de Konstantin Stanislavski, técnica de ensaio baseada na aplicación á análise textual do drama dos principios teórico-literarios do formalismo ruso.

Análise cognitiva

Vid. Coñecemento afectivo

Análise de espectáculos

Disciplina que, a través dunha metodoloxía organizada de comentario, persegue o afondamento hermenéutico nos espectáculos escénicos a través do estudo das fórmulas de significación da obra e mais dos recursos estéticos empregados.

Animación sociocultural

Vid. Animación teatral  

Animación teatral

Fórmula de animación sociocultural especificamente orientada á difusión do teatro e ao emprego do mesmo como ferramenta socioeducativa.

Antagonista

Personaxe que se enfronta e que impide ou dificulta a outro personaxe protagonista dunha peza teatral manter o seu estatus social ou intelectual nun determinado contexto espacial e temporal.

Antiheroe

Vid. Heroe

Antropoloxía teatral

Proposta teórico-práctica desenvolvida por Eugenio Barba e centrada no estudo das condicións pre-expresivas anteriores á actuación.