Análise activa – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Análise activa

Categoría:

No Método de Konstantin Stanislavski, técnica de ensaio baseada na aplicación á análise textual do drama dos principios teórico-literarios do formalismo ruso.

Para Stanislavski, os textos dramáticos codificarían “estruturas de acción” que a persoa que debe interpretar o personaxe podería desglosar e empregar no seu proceso de construción do carácter, xerando a “anatomía do personaxe e da obra”, coma un esqueleto que permite darlle forma e credibilidade.

Stanislavski desenvolveu esta fórmula de traballo nos últimos anos da súa vida, entre o 1934 e o 1938, e entendía que este proceso debía ser previo á memorización do texto. Sharon Marie Carnicke sinala que “para facelo así, len a obra coma se fose un sistema de indicios que implican un espectáculo potencial” aos que Stanislavski denomina “feitos”. “Os feitos de cada escena codifican un suceso que ocorre entre os personaxes antes de que a escena conclúa. Para cada evento individual, os actores descobren unha acción (que estimula ou fai que a escena progrese) e a correspondente acción oposta (que impide o progreso da escena)”, unha contradición que activaría o proceso de construción do personaxe e axudaría á posterior memorización. Así, a anatomía da obra tería que ver coa cadea de sucesos que van fiando o argumento pero que, así analizada polas actrices e os actores, faría parte do seu traballo de construción do personaxe e se interiorizaría na interpretación.

Relacionado con