Memoria emocional – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Memoria emocional

Categoría:

No sistema de interpretación elaborado por Konstantin Stanislavski, é un dos mecanismos fundamentais no exercicio da interpretación, baseado na reprodución das emocións xurdidas en vivencias anteriores da persoa que actúa a través das cales constrúe o carácter do personaxe.

O método para a interpretación posta ao servizo do naturalismo definido por Stanislavski procuraba a construción dun personaxe cuxa credibilidade dependese en boa medida da súa dimensión psicolóxica, entendida, ademais, desde o determinismo naturalista definido durante a eclosión da novela naturalista por teóricos coma Émile Zola: o medio determina o comportamento. A partir da reflexión do psicólogo francés Armand Ribot sobre a presenza dunha “memoria afectiva” na psique humana, Stanislavski tenta aplicar esa idea á creación escénica, entendendo que a memoria sensorial podería servir de detonante para esa memoria das emocións que serviría para construír o carácter do personaxe. Como sinala Sharon Marie Carnicke, “amais dos cinco sentidos clásicos, Stanislavski consideraba a existencia dun sexto: a emoción”. Neste senso, a memoria persoal da actriz ou do actor constituiría un depósito vivencial no que, a partir de estímulos sensoriais, atopar espazos de contextualización de emocións que lle permitisen ir redondeando o carácter do personaxe.

Stanislavski dedica todo un capítulo do seu libro O traballo do actor sobre si mesmo no proceso creador da vivencia publicado en 1938 pouco despois da súa morte, e nel inclúe múltiples exemplos para o emprego da memoria emocional no proceso de interpretación naturalista, alén dunha elaborada reflexión sobre a relación entre a memoria emocional e a memoria sensorial vencellada a cada un dos sentidos.

Partindo desta idea, Lee Strasberg desenvolve o concepto de “memoria afectiva”, o elemento máis polémico da súa proposta metodolóxica. Combinando as reflexiónss de Stanislavski e do psicólogo Ribot coas conclusións de Paulov, Strasberg parte da idea de que a emoción do actor en escena non pode ser real, co que deberá ser unha emoción recuperada. Non pode ser espontánea porque estaría fóra de control, así que debe proceder da repetición de algo anterior. Así, Strasberg propón a recuperación de emocións do pasado a través dun repertorio vivencial do que a persoa que actúa bota man, algo especialmente importante no teatro, onde sería necesario repetir a emoción varias veces á semana.

Relacionado con