Repertorio – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Repertorio

Categoría:

Na Teoría de Polisistemas de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a función do código, proporcionando así as ferramentas compositivas necesarias para que un produto dado poida funcionar de xeito sistémico. No sistema teatral, o repertorio é o conxunto de regras e materiais que rexen tanto a elaboración coma o consumo dun produto teatral determinado.

A noción de “repertorio” foi das máis controvertidas dentro da teoría de Itamar Even-Zohar debido á súa complexidade conceptual. En primeiro lugar, o repertorio non sería un concepto unívoco, pois a el pertencen entidades vencellábeis ao que Even-Zohar denomina “niveis”: o nivel dos elementos individuais, o dos sintagmas (ou combinación dos anteriores) e os modelos (porcións de texto). Integrándose uns nos outros é como xeran unidades de significado totais que permiten a comunicación sistémica e a funcionalidade social dos produtos artísticos. Alén diso, existe un vínculo indisociábel entre repertorio e canon, xa que a capacidade codificadora do repertorio ten consecuencias directas sobre o estabelecemento do réxime de valor. Para Even-Zohar, o repertorio, como calquera código, é común e coñecido por todos os axentes que interveñen na comunicación, pero a súa utilización dependerá da función de cada un deles. Deste xeito, haberá un repertorio para ser creador, outro para ser receptor, outro para ser un axente do mercado, etc.

Tendo isto en conta, Inmaculada López Silva define o repertorio teatral coma un conxunto de normas compositivas e actitudes valorativas polas cales se crean e interpretan produtos teatrais tendo en conta tanto os elementos de significación escénica coma literaria, segundo modelos idóneos e circunstancialmente determinados polas dinámicas propias do campo cultural no que se inscriben. Por isto, a descrición dun repertorio determinado como pode ser o galego consistirá na análise das súas correntes e tendencias tanto no nivel diacrónico coma no sincrónico, así coma a posición relativa dos produtos e dos conxuntos agrupábeis dos mesmos. Porén, a análise arredor da concretización do repertorio teatral nun produto determinado (unha obra, un espectáculo) será o obxecto da crítica teatral ou literaria mediante o comentario.

Os estudos teatrais teñen ofrecido diversas caracterizacións sobre o repertorio teatral galego, fundamentalmente atendendo a unha perspectiva temática con consecuencias formais, mais este último aspecto aínda non foi estudado en profundidade no que atinxe ao plano escénico e, por tanto, a unha caracterización sistémica do nivel máis baixo e numeroso do repertorio galego, o dos elementos. No sistema teatral galego hai, con todo, unha fronteira entre un teatro da palabra e un teatro da acción que semellan vías xeradas polo propio sistema para orientar os usos dos aspectos sintagmáticos do repertorio e, deste xeito, constituír uns modelos propios que se amosan como etnicamente marcados, feito común a outros sistemas emerxentes (a tendencia á comedia, a procura do elemento autóctono, o metateatro, o recurso á adaptación dos clásicos).

 

Para saber máis: Even-Zohar, Itamar (1990a) “Polysystem Theory”. Polisystem Studies, número monográfico de Poetics Today 11: 1. 9-26; Even-Zohar, Itamar (1990b) “The ‘literary system’” Polisystem Studies, número monográfico de Poetics Today 11: 1. 27-44; López Silva, Inmaculada (2015) “1.2. As características do sistema teatral galego. Normalidade e anormalidade nos factores do sistema”, en Resistir no escenario. Cara a unha historia institucional do teatro galego, Santiago, Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela e Secretaría Xeral de Cultura, páxs. 36-81; Vieites, Manuel F. (2004) “O sistema teatral”, en O teatro, Vigo, Galaxia, páxs. 41-52; Vieites, Manuel F. (1998) “Creación dramática e realización teatral. Algunhas consideracións arredor da xénese do Novo Teatro Galego (NTG) e da Nova Dramaturxia Galga (NDG)”, en Manuel F.Vieites (ed.) Do novo teatro á nova dramaturxia (1965-1995), Vigo, Xerais, páxs. 33-84; Vilavedra, Dolores (1998) “Tendencias do teatro actual en Galicia”, en Ensaio 2, páxs. 30-33.

Relacionado con