Institución – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Institución

Categoría:

Na Teoría de Polisistemas, de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a conservación da actividade artística concreta á que se refire o sistema como tal, e, por tanto, o factor que lexitima as súas normas de funcionamento e garante a súa existencia. No sistema teatral, institucións son todos aqueles individuos, accións e entidades capaces de mediar entre os distintos axentes do sistema teatral para garantir que a actividade denominada teatro exista dentro das dinámicas de comunicación social dunha comunidade cultural dada.

Para Itamar Even-Zohar, todo sistema está organizado de modo comunicativo, de xeito que cada factor do sistema cumprirá dentro del unha función equivalente á de cada un dos factores da comunicación estabelecidos por Roman Jakobson. Así, as institucións equivalerán en termos comunicativos á función de contexto, e o autor identifícao cun conxunto de axentes diversos destinados a conservar a actividade artística, garantir as súas funcións sociais e satisfacer os intereses que son propios a cada un dos demais factores do sistema.

Segundo Inmaculada López Silva, no sistema teatral as institucións son o conxunto de factores que teñen que ver no mantemento do teatro como actividade sociocultural, gobernando as regras do xogo teatral, lexitimando e deslexitimando as accións dos diversos axentes. As institucións están por definición no centro do sistema e son a canle que vincula o sistema teatral co campo do poder. Poden ser individuos concretos, mais o habitual é que sexan organizacións e accións derivadas destas, tanto de carácter dependente coma independentes do poder político. Todas elas terán en común a súa función mediadora e a súa capacidade de intervención nas dinámicas de funcionamento do sistema teatral. Para isto, todos os demais factores do sistema teatral outorgan ás institucións a responsabilidade de definición e protección da doxa e das normas de funcionamento do sistema derivadas dela, así coma a capacidade de ditaminar os criterios para o estabelecemento da canonicidade. Asemade, as institucións teatrais determinan as regras para a toma de posicións no sistema, pero tamén as normas para a modificación das mesmas, co único límite da definición esencial do mesmo (a doxa). Por último, as institucións teatrais median entre os distintos axentes para que o mercado teatral sirva efectivamente como canle desde a que pór en contacto produtores e consumidores, así como para facilitar o seu acceso ao repertorio teatral.

Estas funcións diversas das institucións teatrais implican a súa capacidade de acción sobre as demais entidades do sistema teatral. Deste xeito, haberá institucións que actúan sobre o funcionamento xeral do sistema, que, nos contextos democráticos, e pola súa natureza representativa, adoitamos atribuír ás institucións públicas dependentes dos poderes políticos (axencias de xestión teatral, teatros públicos, consellerías e ministerios). Outras institucións teatrais traballan especificamente sobre o canon, contribuíndo a dalo a coñecer e estabelecendo especificamente as dinámicas que permiten a canonización de partes do repertorio; estas son a Academia, a crítica, os premios e mesmo, en casos coma o galego, o medio editorial. Existen tamén institucións que inciden directamente na protección das actividades de produción, coma as asociacións e sindicatos profesionais, e outras que se dedican ao fomento da difusión do consumo a través da protección do mercado teatral, vencelladas a lexitimación de fórmulas abarcadoras de exhibición e programación.

No sistema teatral galego, a institucionalización foi un feito tardío que debe ser vencellado ao impulso democrático chegado co Estatuto de Autonomía de Galicia do 1981, que permitiu o artellamento político necesario para a aparición das primeiras institucións públicas referidas ao teatro (Centro Dramático Galego, fundamentalmente, e posteriormente o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, hoxe Axencia Galega das Industrias Culturais). Unha das particularidades do sistema teatral galego é, xustamente, a forte dependencia de todas as dinámicas institucionais do sector público, agás as institucións especificamente profesionais e algunhas das accións sistémicas sobre o canon (a crítica e algúns premios).

 

Relacionado con