Concepto moi estendido no Estado Español que resume as actividades levadas a cabo polas técnicas e técnicos de cultura ou as persoas responsábeis da dirección de espazos escénicos nos teatros e auditorios do seu ámbito. A programación está enfocada fundamentalmente á exhibición e polo tanto á escolla subxectiva baixo unha serie de parámetros artísticos, sociais ou de mercado que establece a propia persoa programadora, ben para dotar de identidade ao seu espazo teatral, ben para cumprir un servizo público e atender ás maiorías ou minorías sociais, ben para conseguir outro tipo de réditos cuantitativos ou de repercusión mediática.
A diferenza entre esta actividade de elaborar un calendario de representacións por semestre ou por tempada e as outras esixencias engadidas que ten o traballo curatorial ou a dirección artística dun centro de creación, investigación, residencia e difusión escénica son notables, pois alén da exhibición, esta outra categoría profesional (aínda que ás veces se asimilan e confunden) leva aparelladas tarefas de mediación, acompañamento, facilitación ou expansión de toda a innovación creativa.
Nun artigo publicado en 2019 na revista Grial, Roberto Pascual preguntaba polos aspectos que marcan a diferenza entre as tarefas dun técnico de cultura ou programador municipal dun teatro (en Galicia normalmente este perfil de persoal dos Concellos realiza distintas encomendas na órbita da xestión cultural e non exclusivamente a de atender e pensar o rumbo e actividade escénica dun teatro) e as propias dun director artístico dun espazo adicado ás artes escénicas. Principalmente, nunha análise contrastiva con outros lugares da nosa contorna con máis tradición e experimentación neste ámbito (por exemplo o papel do director Tiago Guedes no Teatro Municipal Rivoli do Porto, o de Francesc Casadesús no Mercat de les Flors ou no Grec, o de Thomas Ostermeier na Schaubühne de Berlín, etc.) vén marcado pola común aplicación do concepto de elaboración dun discurso, dunhas relacións e dunha serie de comportamentos en base ao que Etienne Soriau denomina “repertorio”. Vén a explicarnos que as obras que constitúen un repertorio deben responder a uns criterios que han xirar en torno á Weltanschauung: cosmovisión ou visión do mundo, imaxe que se crea da existencia ou da realidade, que unha persoa ou cultura se forma dunha determinada época e que acostuma estar composta por determinadas percepcións, conceptuacións ou valoracións desa contorna. A partir das cosmovisións, os axentes cognitivos interpretan a súa propia natureza e a de todo o existente e definen nocións comúns que se aplican aos distintos eidos da vida, da política, da economía, etc.
Deste xeito, aplicando o concepto ao ámbito da dirección artística dun teatro, dun festival ou dun ámbito escénico, a persoa responsable de crear o seu relato e a súa cosmovisión, debe atender a aspectos tan inflíntes nunha dinámica afastada á convencional actividade da exhibición (onde cada espectador volve á súa casa mastigando ou non o que unha subxectividade individual propón, ás veces considerada como salvagarda dos gustos e do éxito da programación) que se cadra require dun perfil profesional ou dunhas encomendas transformadoras. Algúns destes aspectos, que deben ser (re)considerados na elaboración dunha liña ou liñas específicas do que debe ser unha verdadeira “casa do teatro”, serían:
Alén diso, outros aspectos importantes nesta dinámica da dirección artística veñen dados polo tempo e o asentamento paulatino de criterios, obxectivos e apostas. Así foi, por exemplo, como é lóxico, nos primeiros anos da Dirección artítica de Ostermeier na Schaubühne, quen se atopou coa oposición e crítica da cidade ao presentar a súa primeira tempada. A súa reacción foi escoitar e facer penetrar novas tendencias non dun xeito tan abrupto, favorecendo unha transición entre os seus criterios e a visión das necesidades da arte e da sociedade en relación coa dos seus precedentes. Outra opción pode ser a persistencia, a desconsideración da crítica e a priorización de angueiras máis marcadamente individualistas ou autoconvincentes.
Nas tarefas da programación hai, consubstancialmente, polo tanto, un posicionamento ideolóxico con respecto ás normas e leis do mercado, unha postura con respecto á visión da arte escénica como insdustria cultural ou como actividade artesanal, con respecto ás funcións da arte, as dinámicas competitivas ou solidarias e proactivas con respecto ao contorno, etc. A través do discurso e da praxe do lugar, da manifestación e dos resultados da programación, existe un subtexto ideolóxico da persoa ou persoas responsables da programación con respecto á accesibilidade, ás liñas, á maneira de comunicarse e divulgar os contidos da casa teatral ou o que se quere visibilizar e poñer no foco. Hai polo tanto, unha postura ética, ademais da estética, nesta actividade do proceso de difusión teatral se tomamos consciencia de todas as repercusións que pode ter nos hábitos, coñecementos e demandas do público e do público potencial.