Planificación teatral – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Planificación teatral

Categoría:

Acto deliberado de intervención sobre o sistema teatral con intención prospectiva e desde a vontade de mudar as dinámicas do mesmo. É liderado polos axentes que detentan o poder dentro do sistema e posúen a lexitimidade para intervir, isto é, a institución.

Itamar Even-Zohar é un dos estudosos que máis teñen reflexionado sobre os procesos de planificación cultural. Para entender o sentido que el aplica ao termo, é necesario ter en conta a diferenza entre os seus conceptos “cultura como ferramenta” (culture-as-tools) e “cultura como ben” (culture-as-goods). Para el, fronte a un emprego patrimonial da cultura (goods) propio do idealismo esencialista, existe unha conceptualización funcionalista da cultura na que esta se erixe en “ferramenta” (tools), isto é, coma mecanismo útil para a organización da vida, tanto no nivel colectivo coma no nivel individual. Esas ferramentas poden ser “pasivas”, ou procedementos que axudan a analizar e explicar a realidade, e “activas”, ou procedementos que contribúen a afrontar e a crear situacións culturais. Trátase, segundo Itamar Even-Zohar, da diferenza entre comprender o mundo e actuar nel, respectivamente. Actuar culturalmente no mundo e, polo tanto, utilizar a cultura como ferramenta para a intervención social e política, é o principio que, para el, rexe calquera proceso de planificación cultural.

Segundo Even-Zohar, todo proceso de planificación ten como obxectivo un cambio de repertorio, é dicir, unha substitución do repertorio xa existente por outro máis axustado a novos intereses xurdidos en grupos que accederon a posicións centrais do sistema. O repertorio vello non desaparece, senón que simplemente queda relegado á periferia. Deste xeito, Itamar Even-Zohar pon en relación esta dinámica, que no seu momento foi explicada por formalistas e funcionalistas rusos coma Sklovsky e Tynianov, coa práctica da acción cultural, que atopa na planificación un mecanismo de realización e unha ferramenta de optimización das súas utilidades con fins políticos.

Para Even-Zohar, hai dous tipos diferentes de proxectos de planificación en relación cos repertorios: por unha banda, a fabricación de novos repertorios e o esforzo por distribuílos; pola outra, a creación de novas entidades sociopolíticas nas que estes repertorios prevalecerán, isto é, as institucións. Polo tanto, a creación e mantemento das institucións formará parte do proxecto de planificación teatral, do mesmo xeito que outros elementos do sistema de valores e do modo de vida dunha sociedade dada, asumindo, xustamente, o polimorfismo da noción de repertorio que emprega o propio Itamar Even-Zohar.

As dinámicas de planificación teatral poden ser levadas a cabo desde calquera posición (individuo ou grupo) dentro do sistema. Ademais, non son espontáneas, senón que responden ao desexo de promover uns elementos e de suprimir outros. Cómpre engadir, polo tanto, este factor de interese á finalidade común que dá lugar á solidariedade na acción colectiva causante das dinámicas de planificación. Eses axentes terán que estar lexitimados para a acción sobre o grupo ou, dito doutro xeito, deberán estar próximos á esfera do institucional, ámbito capaz, nun primeiro momento, de “codificar” e “estandarizar” opcións teatrais, e capaz tamén, nun segundo momento, de acadar o compromiso da colectividade para a creación e aceptación de novos ítems a incluir no repertorio.

Todo isto relaciónase nas teses de Even-Zohar (2002) con toda unha teoría dos procesos de emerxencia e resistencia cultural (vid. Sistema emerxente) que xorden das dinámicas de planificación que teñen lugar en sociedades que toman conciencia da súa propia identidade. O caso galego está, de feito, entre os exemplos que a miúdo pon o teórico de Tel-Aviv.

É por isto polo que, para Inmaculada López Silva, a planificación teatral é indispensábel na xestión dos sistemas teatrais emerxentes, especialmente en contextos conflitivos de construción nacional coma o galego. Grazas ao prestixio e lexitimidade que adquiren tanto os produtos coma as organizacións culturais nestes contextos, as institucións teatrais posúen a capacidade a realización de plans de desenvolvemento, programas de actividades, etc., que, ao tempo, permiten deseñar repertorios que inciden no fortalecemento da doxa, as regras do xogo e autoestima do sistema teatral. O teatro galego é un bo exemplo disto, pois as constantes tentativas de planificación supoñen a histórica procura dun repertorio que permitiría a creación dun canon para a definición etno-estética do teatro galego coma mecanismo de definición autóctona e de cohesión cultural.

Pero hai outro aspecto que se deriva desta conceptualización sociopolítica da planificación cultural: trátase tamén dun procedemento que denota unha acción de poder consciente e premeditada. Esa capacidade para cohesionar ou non un grupo e, polo tanto, construír ou destruír unha identidade baseada nunha noción ampla da cultura, está presente nas institucións, e impleméntase desde elas a través dos proxectos concretos de planificación cultural. Este aspecto apunta de cheo á relación entre planificación de cultura e poder, un poder sutil que non precisa a coacción, senón simplemente a organización e o estabelecemento de mecanismos de control xurdidos do propio sistema teatral.

Relacionado con