Nacionalismo teatral – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Nacionalismo teatral

Categoría:

Ideoloxía nacionalista aplicada á formulación teórica dun teatro nacional concreto, definíndoo a partir das particularidades etnoestéticas atribuídas a unha comunidade nacional determinada que entende o seu teatro diferencial como un aspecto identitario máis.

A retórica discursiva do nacionalismo político a miúdo se deposita sobre a formulación dos sistemas artísticos en determinadas comunidades nacionais co fin de estabelecer para eles unha doxa harmónica co resto dos discursos sociais en torno á identidade e ás dinámicas políticas derivadas desta. Neste sentido, Xan González-Millán ten falado para a literatura galega dun “nacionalismo literario” que vehicula a súa caracterización estética durante unha boa parte do século XX mediante unha superimposición de parámetros etnoestéticos que proceden de diversos axentes do ámbito social en espazos cunha deficiente institucionalización. Este aspecto aproximaría o discurso literario ao político e condiciona asemade as dinámicas do campo cultural galego e as súas relacións co poder político. Tendo isto en conta, Inmaculada López Silva falou da posibilidade de estabelecer a existencia dun “nacionalismo teatral” en determinados períodos históricos do teatro galego nos que a delimitación dos parámetros estéticos do teatro nacional sería subsidiaria dos intereses políticos vencellados á construción nacional, e non estritamente aos criterios sistémicos de delimitación dun teatro nacional.

 

Relacionado con