Nacional, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Nacional, Teatro

Categoría:
  1. Conxunto de autores, textos e espectáculos teatrais que simbolizan a nación e, por tanto, aglutinan a través das súas escollas estéticas os valores identitarios básicos dunha comunidade dada.
  2. Compañía pública de teatro encargada de pór en escena os textos canónicos nun sistema teatral dado, e, por tanto, de dar carácter institucional aos valores identitarios simbolizados por esas obras.
  3. Edificio teatral no que reside a compañía pública de teatro.

O concepto de teatro nacional vincúlase co desenvolvemento dos Estados-nación europeos, cuxa identidade e cohesión colectiva se sustentaban nun capital simbólico determinado pola lingua común e por factores culturais coma a tradición literaria, un pasado en común e outros aspectos de carácter etnoestético. Neste sentido, o teatro nacional foi fundamental para o desenvolvemento dos grandes modelos estéticos do teatro occidental e para o posicionamento do teatro coma un discurso cultural importante nas dinámicas ideolóxicas e sociolóxicas dos Estados desde o século XVII ata os nosos días.

Diversos teóricos, como entre nós Inmaculada López Silva, vinculan o debilitamento simbólico das bases estéticas do teatro nacional cuestionadas polos modelos teatrais contemporáneos e sobre todo polo teatro posdramático (importancia do texto como soporte da lingua nacional, ou expresión simbólica dos valores da nación a través da ficción teatral, entre outros) co esmorecemento poscolonial do concepto de Estado-nación en favor doutros modelos de Estado máis aglutinadores e respectuosos coa diversidade que xeran os fluxos de información e comunicación a partir da última década do século.

En Galicia, o Centro Dramático Galego, como compañía institucional, ten características vinculábeis ao concepto e propiedades dun teatro nacional.

Non debe confundirse co nacionalismo teatral.


Salón Teatro do Centro Dramático Galego
Foto: Miguel Fernández / CDG

Relacionado con