Comercial, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Comercial, Teatro

Categoría:

Teatro feito para o chamado gran público ou masa.

O teatro comercial caracterízase polo emprego de estéticas e xéneros considerados pouco arriscados debido a que son do gusto xeneralizado do público nun sistema de valoración maioritario. Isto permítelle desenvolver un modelo de negocio rendíbel que tenta paliar a lagoa de produtividade causada pola lei de fatalidade de custos nas artes escénicas a través da procura dun elevado número de espectadores. Neste sentido, e seguindo a Pierre Bourdieu, o teatro comercial estaría situado no centro do campo ou sistema teatral, xa que se trata por definición do ámbito de produción maioritaria.

A miúdo identificado desde o marxismo co teatro burgués, existe unha consideración ideolóxica do teatro comercial como un teatro descomprometido politicamente e orientado á suspensión da capacidade crítica das audiencias, adormecidas perante a ilusión escénica e perante a vontade de identificarse cos modelos socioeconómicos do capitalismo representados en escena. É por isto polo que a miúdo o termo “comercial” se emprega de xeito despectivo.

Hai modalidades escénicas tradicionalmente vinculadas co teatro comercial, moitas delas situadas no espazo cómico. Xéneros coma o vodevil, o sainete e, sobre todo, o melodrama, son historicamente adscribíbeis ao teatro comercial. No teatro español, xerouse un termo, o astracán ou astracanada para referirse despectivamente ao teatro comercial.

As características do teatro galego como un teatro minorizado cun sistema en moitos aspectos emerxente e deficitario en canto aos públicos, fan difícil, segundo Inmaculada López Silva, a determinación da existencia dun teatro comercial galego, así coma a definición dos parámetros que o caracterizarían.

 

Para saber máis: Bourdieu, Pierre (2004) O campo literario, Santiago de Compostela, Laiovento; López Silva, Inmaculada (2015) Resistir no escenario. Cara a unha historia institucional do teatro galego, Santiago, Universidade de Santiago de Compostela – Xunta de Galicia.

Relacionado con