Ilusión – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Ilusión

Categoría:

Resultado fundamental da mímese causado polo efecto de realidade que xera a posta en escena sobre a persoa que a recibe, conducíndoa a asumir o pacto escénico ficcional como medida desde a que interpretar a mensaxe sobre o escenario.

Como fórmula de significación implícita no propio concepto de teatralidade, o código da posta en escena consiste no emprego da iconicidade como característica fundamental dos signos escénicos para xerar no público unha ilusión de realidade. Así, este acepta a convención escénica como punto de partida para a interpretación da ficción que, en virtude da ilusión, parece real aínda que nunca desapareza a plena consciencia de que non o é. Desde este punto de vista, a ilusión escénica é o resultado inmediato da formulación da posta en escena desde o postulado “coma se” que Keir Elam estudou como parámetro básico dos mundos posíbeis construídos no teatro.

Para Patrice Pavis, a ilusión escénica afecta a varias compoñentes do espectáculo: o mundo representado, a escenografía, a fábula e o personaxe, e insiste, asemade, que é particularidade do teatro o estabelecemento da dualidade ilusión/desilusión como xogo dialéctico desde o que se estabelece o pacto ficcional co espectador, que é consciente de que o que ve no teatro non é unicamente representación.

Aínda tratándose do parámetro básico da convención escénica, analizábel desde un punto de vista semántico-pragmático a través da construción semiótica da posta en escena, o grao de aproximación á realidade en virtude da intensidade da ilusión escénica é un dos criterios fundamentais para estudar as distintas épocas e xéneros escénicos desde a Idade Media ata o século XX. Así, desde un teatro máis simbólico, e por tanto menos ilusionista, propio dos códigos escénicos medievais e mais dos códigos isabelinos e españois do Século de Ouro, a introdución da escenografía en perspectiva a partir da irrupción do modelo á italiana no século XVII implicou unha procura progresiva da aparencia de realidade na posta en escena, que chega ao seu punto culminante no naturalismo. A esa pescuda puramente escénica, cómpre engadir, no plano teórico, a viraxe extraargumental experimentada polo concepto de verosimilitude, que xustifica esa pescuda ilusionista e a introdución do efecto de realidade como parámetro de xuízo e interpretación da posta en escena. Evidentemente, a reacción simbolista contra ese modelo de recepción escénica é o inicio dunha proposta artística que reconstrúe os códigos significativos en contra da ilusión e en favor dun maior convencionalismo puramente simbólico no escenario, apoiado en boa medida polas teorías antiaristotélicas que empregaron técnicas coma a metateatralidade, o distanciamento ou mesmo a posdramaticidade coma mecanismos antiilusionistas.

 

Relacionado con