Rede de carácter público ou privado formalmente constituída co fin de optimizar as fórmulas para a distribución das artes escénicas.
En Galicia, o circuíto de distribución máis importante é a Rede Galega de Teatros e Auditorios, creada pola Xunta de Galicia en 1995. Dentro dela existe unha Rede A, formada polos nove teatros de maior capacidade de Galicia situados en concellos de máis de 40000 habitantes; a Rede B, a máis numerosa con 22 puntos de exhibición, orientada a concellos de entre 12001 e 40000 habitantes, e teatros de menor capacidade; e finalmente a Rede C, que alberga 10 teatros situados en concellos de ata 12000 habitantes. Asemade, a Deputación da Coruña posúe un circuíto propio formado por teatros en concellos desta provincia.