Encyclopedia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Caché

Contía económica estipulada entre unha compañía ou grupo teatral e o representante legal, persoa física ou xurídica dun espazo de exhibición, para a compensación polos servizos prestados polos primeiros nun espazo e período de tempo limitado.

Cadro

Unidade estrutural de segmentación da obra dramática que se corresponde cunha mudanza espazo-temporal, a diferenza da mudanza vencellada á acción e á entrada e saída de personaxes que se correspondería coa división en actos ou mesmo escenas.

Cadro vivo

Fórmula visual, que fai referencia a un tipo de composición escénica polo cal os actores e actrices fican estáticos e sen falar, reproducindo unha estampa case coma unha fotografía.

Cámara negra

Aforamento do escenario mediante o uso dun pano de fondo, patas ou bastidores, bambolinas e bambolinón, normalmente de cor negra e na actualidade de tea ignifugada debido á seguridade e normativa dos espazos.

Canevás

Vid. Commedia dell’arte

Canon

Espazo simbólico formado por obras, autores e estilos dotados de lexitimidade e prestixio. Vencéllase cos espazos do repertorio considerados modélicos e institucionalizados, o que posibilita o seu emprego como exemplo estético.

Canonicidade

Calidades ou propiedades que provocan a inclusión dunha obra no canon e que, por tanto, determinarán o concepto de valor estético e do gusto nun sistema dado.

Canonización

Proceso polo cal unha obra, autor ou estilo accede ao canon.

Capital

1. Cantidade económica acumulada.
2. Valor acumulábel que serve para intercambiarse na esfera pública e, concretamente no que atinxe aos campos culturais, no mercado de bens simbólicos.

Capital cultural

Vid. Capital

Capital social

Vid. Capital

Carácter

Figura ou personaxe considerado na súa individualidade e coas súas calidades morais e trazos psicolóxicos.

Caracterización

1. Proceso polo que se estabelece a configuración física, psíquica e emocional que define o personaxe en relación coa acción e que resulta esencial para crear a través dos personaxes o chamado “efecto de realidade”. 2. Disciplina vencellada co traballo escenográfico destinada a configurar visualmente o aspecto do personaxe en escena.

Carro

Plataforma de madeira de, aproximadamente, dous metros de altura e normalmente con rodas sobre a cal se representaban os misterios medievais.

Casting

Anglicismo moi implantado na xiria actoral que fai referencia á proba de selección do elenco, tamén chamada audición.

Catarse

Do grego καθάρσις (katharsis), significa purificación. Na Poética de Aristóteles é o obxectivo da obra, a consecuencia da súa recepción e a culminación emocional e racional da hermeneuse.

Causal, Estrutura

Vid. Causalidade

Causalidade

Modo de disposición dos acontecementos que constitúen a acción polo cal se amosan como sucedidos por un motivo lóxico, sexa esta lóxica xerada pola orde natural ou pola orde de estruturación dos feitos no argumento.

Cazola

Termo empregado habitualmente en castelán, cazuela. Vid. Curral de comedias.

Cazola

No edificio teatral do Século de Ouro español, a cazuela ou cazola era un palco reservado especificamente para as mulleres. Situábase polo xeral no extremo oposto ao escenario, sobre a entrada.

Cazuela

Vid. Cazola