Canon – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Canon

Categoría:

Espazo simbólico formado por obras, autores e estilos dotados de lexitimidade e prestixio. Vencéllase cos espazos do repertorio considerados modélicos e institucionalizados, o que posibilita o seu emprego como exemplo estético.

Inicialmente, os canons eran listas de autores aos que se lles atribuía unha autoridade intelectual que capacitaba as súas producións para seren representativas. As primeiras listas datan do século IV a.C. e nelas xa figuraban Esquilo, Sófocles e Eurípides como membros do “canon tráxico”. Á súa maneira, o propio Aristóteles realiza un exercicio de canonización cando sitúa a Edipo rei e mais a Sófocles, o seu autor, como modelo exemplar da traxedia grega. Posteriormente, o termo canon esténdese no seu uso bíblico, ao empregarse a partir do século IV d.C. para denominar o conxunto de libros aceptados pola Igrexa para constituíren o dogma cristián. Despois, os Padres da Igrexa engadíronlle outros libros non sagrados medievais.

Actualmente, o canon é o concepto central dunha teoría ampla arredor da constitución do gusto e da perpetuación dos modelos de recepción artística. Tomando como punto de partida o concepto tradicional de “canon”, a reflexión primordial xa non é a inclusión ou exclusión de obras e/ou autores nunha lista, senón os motivos e fórmulas polas que teñen lugar os procesos de canonización. Desde este punto de vista, cada sistema teatral estabelecerá unha serie de principios e propiedades (canonicidade) que provocan ese proceso polo cal unha obra, autor ou estilo resulta útil como valor para o funcionamento do sistema, de xeito que é lexítima a súa consideración positiva en termos simbólicos, tanto no relativo á produción coma á recepción.

Na Teoría de Sistemas vencéllase o canon ao repertorio na medida en que o canon sempre implica a lexitimación dos modelos ou espazos do repertorio que funcionan como aexempla desde os que crear novos produtos. O canon, deste xeito, implica un vínculo entre o repertorio e a institución, xa que esta última é a encargada de distribuír lexitimidade e aproximar outras entidades do sistema ao seu centro en virtude do axustamento dos modelos á doxa. É por isto polo que o canon funciona como fundamento axiolóxico esencial dos sistemas artísticos e como medida primaria do concepto de gusto, pero implica tamén o estabelecemento das condicións de lexibilidade, do horizonte de expectativas e da definición das regras da teatralidade.

Rakefett Sheffy sinala dous tipos de canonicidade: estática e dinámica. A primeira, vencellábel ao monumento de Foucault e ao concepto de clásico, está constituída por aquelas obras e autores situados xa indiscutibelmente no centro do sistema; estes funcionan coma reserva ou modelo permanente xa que as súas interpretacións evolúen co propio sistema, que prioriza a súa permanente adaptación e vixencia a través de fórmulas institucionais específicas. A canonicidade dinámica, pola súa banda, está formada por autores, obras e estilos vencellábeis á contemporaneidade artística e proceden das dinámicas concretas de loita nos naturais traspases centro-periferia; esta funciona como garantía do dinamismo do sistema e permite a adaptación dos modelos lexitimados para a produción e a lectura ás condicións circunstanciais impostas polo sistema teatral.

 

Relacionado con