Conxunto de preconceptos desde os que se dá a recepción da obra artística, constituíndo unha parte fundamental do proceso de construción do sentido da obra por parte do lector/espectador. A través do horizonte de expectativas, ponse en relación o contido do texto co proceso de recepción e de elaboración do sentido, asumindo que toda obra contén en si mesma unha modalidade de lectura que orienta a interpretación.
O termo “horizonte de expectativas” débese ao teórico alemán Hans-Robert Jauss, representante da chamada “Estética da Recepción” da Escola de Constanza, quen nos anos sesenta do século XX comezou a empregalo para explicar a experiencia da recepción e a súa importancia na concretización estética e hermenéutica da obra. Neste sentido, o horizonte de expectativas demostraría a diferenza esencial entre o código de emisión e o código de recepción, o que permitiría a posibilidade de distintas lecturas ao longo da historia. Ao longo de diversos traballos, Jauss vinculou o horizonte de expectativas cos coñecementos estéticos e históricos do lector vencellados aos seus prexuízos, co concepto de xénero e, finalmente, coa comparación que o receptor realiza entre ficción e realidade, servindo ese horizonte de expectativas para conformar e modificar o seu comportamento social. Para Jauss, o estudo do horizonte de expectativas é un dos cometidos fundamentais da Estética da Recepción, que o emprega como fundamento metodolóxico desde o que explicar a diferenza entre o código elaborado polo creador da obra e os diferentes códigos desde os que a interpretan os sucesivos receptores, concretizándoa de xeitos distintos en función de diferentes contextos temporais.
O concepto de horizonte de expectativas é útil para unha teoría da comunicación teatral que desexe explicar o complexo proceso de recepción que se xera durante a posta en escena debido á copresencialidade. Neste sentido, é interesante como Marco de Marinis, na súa tentativa de propor un “modelo de comprensión teatral”, sobrevoa permanentemente o horizonte de expectativas que vincula co concepto de xuízo, indisociábel de todo acto interpretativo. Pola súa banda, Inmaculada López Silva, nunha revisión das propostas deses teóricos, introduce no esquema de recepción teatral o concepto de prexuízo, tomado directamente da estética da recepción de Jauss, e mais o vínculo entre avaliación parcial e horizonte de expectativas.