Hermenéutica – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Hermenéutica

Categoría:

Do grego ἑρμηνεία , co significado de “interpretación dun pensamento”, é unha disciplina filosófica que reflexiona sobre como se estabelece o sentido dos textos e, por tanto, sobre cales son os procedementos intelectuais que rexen a interpretación. A crítica teatral sería, neste sentido, unha disciplina a través da que se materializa a nosa vontade hermenéutica a respecto da obra artística-teatral.

A hermenéutica como disciplina, arrinca na reflexión aristotélica sobre o estabelecemento da verdade ou o xuízo sobre a falsidade, pero é no Fedro de Platón onde discorre cara á formulación do sentido dos textos, que tería posteriormente unha aplicación concreta na eséxese bíblica. En relación con isto, tamén a hermenéutica tivo que ver coa metodoloxía filolóxica, na vontade da reconstrución histórica do sentido dos textos. Outro dos sentidos da hermenéutica tivo que ver co estudo dos mecanismos de comprensión, que derivará no século XX en liñas complexas de reflexión filosófica (Martin Heidegger) que tratan de dilucidar unha idea de comprensión existencial ou de explicación da comprensión do mundo desde a radical historicidade de toda interpretación (Hans-Georg Gadamer). Por último, hai tamén na hermenéutica unha tendencia orientada á explicación simbólica do mundo (Paul Ricoeur), así coma a reacción antihermenéutica que supuxo a deconstrución de Jacques Derrida coa determinación de que toda interpretación é, en realidade, construto.

 

Relacionado con