Crítica teatral – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Crítica teatral

Categoría:

Como disciplina propia da teatroloxía, encárgase de analizar unha obra teatral e de estabelecer un xuízo de valor de carácter sincrónico arredor dela. Procedente do verbo grego κρίνειν (“separar, analizar”), o termo mantén o sentido etimolóxico como criba, peneira, separación comprensiva de elementos que deben ser diferenciados para estabelecer o valor da obra en relación co conxunto.

No exercicio da crítica teatral comparecen diversas actividades vencelladas co acto de recepción: a lectura, a análise, a hermenéutica e o xuízo. Segundo a primeira, o crítico é un receptor máis da obra, inmerso nun sistema teatral que condiciona a súa posición como parte do público e mais a súa relación institucional co resto de factores do sistema. Consciente disto, o crítico estabelece os parámetros da súa lectura en función dun criterio baseado na súa capacidade para a análise e mais para a elaboración dun discurso sobre a mesma que se pretende hermenéutico e valorativo. Distínguese, por iso, a simple lectura da lectura crítica, esta última dando conta do que Barbara Hernstein Smith denominou “continxencia do valor”, isto é, a mutabilidade do xuízo en función das diferentes lecturas dunha obra dependendo da súa posición contextual. Neste sentido, Inmaculada López Silva ten sinalado que, na orde de factores do sistema teatral, a crítica se atoparía no ámbito das institucións debido ás súas funcións esenciais: a capacidade de mediación co resto de factores do sistema en relación co estabelecemento da orde teatral, a súa función reguladora, a súa atribución coma garante do mantemento da doxa e mais dos intereses dos distintos axentes do sistema teatral, e finalmente, a súa función lexitimadora de dinámicas, estéticas e, sobre todo, réximes de valoración que, dese xeito, adquiren a categoría de dominantes. O vínculo entre crítica e canon, por tanto, é evidente.

A dobre natureza, escénica e literaria, do produto teatral fai que sobre el sexa tamén posíbel a crítica literaria, que, estabelecendo os termos da análise no específicamente literario do texto teatral (dramaticidade) realizaría a hermenéutica e estabelecería o xuízo de valor en función de parámetros estético-literarios e sistémico-literarios.

Habitualmente distínguense dous tipos de crítica, académica e xornalística, referidas a distintos ámbitos de influencia que conducen a unha diferente caracterización da actividade crítica. A crítica académica, propia dos ámbitos universitarios, caracterízase por unha maior lonxitude coa que se pretendería un afondamento maior na análise e mais unha hermeneuse con vocación de permanencia no tempo. A crítica académica é, por isto, un documento de fixación do valor do produto teatral, que por natureza é efémero. A crítica académica emprega un vocabulario máis técnico e especializado, ten unha vontade máis teórica e, por isto, é publicada en ámbitos moi específicos e de alta especialización (revistas académicas, libros de compilación de traballos de investigación, etc.). A crítica xornalística, pola súa banda, adoita publicarse na prensa periódica e, por isto, ten unha maior vocación de inmediatez que a miúdo se relaciona coa recomendación (ou non) do espectáculo en cuestión. De extensión máis breve debido ás propias esixencias dos medios de comunicación, este tipo de crítica diríxese a un público amplo, e por iso opta habitualmente por unha linguaxe libre de tecnicismos na que predomina máis o xuízo de valor cá hermenéutica e a análise.

 

Relacionado con