Produto – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Produto

Categoría:

Na Teoría de Polisistemas, de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a consecuencia concreta e elaborada da función de produción. No sistema teatral, produto é un texto escénico ou dramático rematado e completo, producido e consumido en función das precondicións impostas polo repertorio.

Para Itamar Even-Zohar todo sistema está organizado de modo comunicativo, de xeito que cada factor do sistema cumprirá dentro del unha función equivalente á de cada un dos factores da comunicación estabelecidos por Roman Jakobson. Así, o produto equivalerá en termos comunicativos á función de mensaxe, e o autor identifícao cun conxunto de signos xa feito ou factíbel que inclúe na súa propia feitura un modelo de consumo predeterminado polas regras de funcionamento do propio sistema. O concepto de “obra” co que se identificaría o produto, por tanto, desvencéllase na Teoría de Sistemas dos seus valores estéticos (que Even-Zohar sitúa no repertorio) para adquirir os valores máis específicos de obxecto concreto de consumo situado polos produtores no mercado artístico.

No sistema teatral cómpre constatar a dobre natureza escénica e literaria do produto. Serán produtos do sistema teatral, por tanto, tanto espectáculos escénicos coma textos dramáticos. Dentro destes últimos asumiremos unha certa variedade de opcións, que van desde a literatura dramática propiamente dita ata textos de carácter máis específico coma o guión ou a dramaturxia.

A análise concreta de cada produto nun sistema teatral dado como pode ser o galego vén realizada pola crítica teatral ou literaria a través da actividade do comentario. A análise de correntes e tendencias, así coma a posición relativa dos produtos e conxuntos agrupábeis dos mesmos dentro do sistema teatral debe ser feita en atención ao repertorio.

 

Para saber máis: Even-Zohar, Itamar (1990a) “Polysystem Theory”. Polisystem Studies, número monográfico de Poetics Today 11: 1. 9-26; Even-Zohar, Itamar (1990b) “The ‘literary system’” Polisystem Studies, número monográfico de Poetics Today 11: 1. 27-44; López Silva, Inmaculada (2015) “1.2. As características do sistema teatral galego. Normalidade e anormalidade nos factores do sistema”, en Resistir no escenario. Cara a unha historia institucional do teatro galego, Santiago, Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela e Secretaría Xeral de Cultura, páxs. 36-81; Vieites, Manuel F. (2004) “O sistema teatral”, en O teatro, Vigo, Galaxia, páxs. 41-52.

Relacionado con