Sistema teatral – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Sistema teatral

Categoría:

Segundo a Teoría de Polisistemas de Itamar Even Zohar, sistema é unha rede de relacións sociais arredor dunha determinada actividade. O sistema teatral, por tanto, consistirá no conxunto de interrelacións entre os distintos axentes e accións en torno á actividade que denominamos “teatro”.

En consonancia co sistema literario descrito por Itamar Even Zohar, o sistema teatral está formado por seis factores, a saber: produtor, produto, repertorio, consumidor, mercado e institucións. Cada un deses factores cumpre unha función segundo a súa posición no sistema, observábel coma un espazo de comunicación social no que cada un deses elementos estabelece a súa lexitimidade en virtude do funcionamento xeral do sistema. Como en calquera rede de relacións, a eliminación ou modificación dun factor afecta á descrición total do sistema e, por tanto, á definición da actividade dada, neste caso o teatro.

Os factores do sistema teatral correspóndense concretamente coas distintas actividades relacionadas co teatro como actividade social. Así, os produtores serían dramaturgos, directores e compañías; os produtos, dramas e espectáculos teatrais; os consumidores, o público e todos aqueles que empregan o teatro no seu beneficio; o repertorio, compartido por produtores e consumidores, está formado por aqueles elementos necesarios para crear os produtos, especialmente por aqueles vencellados co canon; no mercado situaríamos as canles de intercambio entre produtores e consumidores, como feiras, redes de distribución e espazos de exhibición; por último, as institucións, factor de mediación, control de funcionamento do sistema e de mantemento da doxa, serían entidades públicas e privadas coma teatros nacionais e organismos para a xestión política do teatro, espazos asociativos tanto de produtores coma de consumidores, crítica teatral, premios teatrais, organizacións académicas e redes públicas.

 

Relacionado con