Concepto estético propio do clasicismo. Refírese ao obxecto da mímese artística como unha natureza idealizada capaz de expresar os parámetros do decoro.
Segundo Charles Batteux, teórico francés do século XVIII e célebre tradutor da poética de Horacio, o obxecto da imitación das chamadas “belas artes” é a belle nature, unha imitación que persegue unha idealización estética do mundo capaz de xerar pracer e, ao mesmo tempo, servir como exemplo. Tal como se desenvolve o concepto na Francia do século XVIII, a belle nature contén os parámetros do decoro clasicista, aquel que engade ao vello decoro horaciano elementos de orde moral. Deste xeito, a belle nature como obxecto da mímese teatral non só expresaría un mundo fermoso desde o punto de vista externo, senón moralmente aceptábel, harmónico desde unha perspectiva da unidade da obra e, asemade, capaz de vencellar a obra cos seus antecedentes clásicos, por definición, e segundo Horacio, ben construídos.